A rola das palmeiras ou rula das palmeiras (Spilopelia senegalensis, antes Streptopelia senegalensis) é un pequeno pombo reprodutor residente en África, Próximo Oriente, sur de Asia e Australia Occidental onde se estableceu na natureza despois de ser liberada do Zoo de Perth en 1898.Dove spreading love over WA. 7 de xuño de 2013, WAToday website Esta pequena rola de cola longa atópase en hábitats arbustivos secos onde as parellas adoitan verse alimentándose no chan. Está moi emparentada con Spilopelia chinensis, que se distingue por ter un colar a cadros negros e brancos.

Taxonomía

En 1760 o zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson incluíu unha descrición da rola das palmeiras no seu sexto volume de Ornithologie baseándose nun espécime recollido en Senegal. Utilizou o nome francés La tourterelle à gorge tachetée du Sénégal e o latino Tutur gutture maculato senegalensis. Os dous asteríscoss (**) ao comezo da sección indican que Brisson baseou a súa descrición no exame dun espécime. Aínda que Brisson acuñou un nome latino para esta especie, este non está conforme coa nomenclatura binomial adoptada posteriormente e non é recoñecido pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica. Cando en 1766 o naturalista sueco Carl Linné puxo ao día a súa obra Systema Naturae para publicar a duodécima edición, engadiu 240 especies que foran antes descritas por Brisson. Unha delas foi a rola das palmeiras, que situou xunto con todos os outros pombos no xénero Columba. Linné incluíu unha breve descrición, acuñou o nome binomial Columba senegalensis e citou o traballo de Brisson.

Despois, e durante moitos anos a especie foi situada no xénero Streptopelia. Porén, un estudo de filoxenia molecular publicado en 2001 atopou que este xénero era parafilético con respecto a Columba. Para crear xéneros monofiléticos, a rola das palmeiras e a especie emparentada Spilopelia chinensis foron trasladadas ao xénero resurrecto Spilopelia, que fora creado polo zoólogo sueco Carl Sundevall en 1873. Aínda que a páxina do título está datada en 1872, a parte que contén as páxinas 100 e 186 foi publicada en 1873.

Déuselle a categoría de subespecie a cinco poboacións con pequenas diferenzas de plumaxe e tamaño: S. s. phoenicophila (Hartert, 1916) – de Marrocos ao noroeste de Libia S. s. aegyptiaca (Latham, 1790) – val do Nilo (Exipto) S. s. senegalensis (Linnaeus, 1766) – oeste de Arabia, illa de Socotra, África subsahariana S. s. cambayensis (Gmelin, JF, 1789) – leste de Arabia e leste de Irán ata Paquistán, India e Bangladesh S. s. ermanni (Bonaparte, 1856) – Kazakhstán, norte de Afganistán, oeste da China.

Describíronse outras subespecies que xeralmente non son recoñecidas. Entre elas están S. s. sokotrae da illa de Socotra, S. s. dakhlae do oasis de Dakhla, Exipto e S. s. thome da illa de San Tomé.

Descrición

É unha rola delgada e de cola longa, normalmente de 25 cm de lonxitude. É marrón rosada na parte inferior cun ton lila na cabeza e pescozo. A cabeza e partes inferiores son rosadas, con tons beixes na parte baixa do abdome. Na parte lateral do pescozo dos adultos hai unha área a cadros grises e marróns avermellados e está feita de plumas divididas. As partes superiores son amarronadas cunha banda gris azulada ao longo da á. O dorso é uniforme e marrón apagado nas poboacións do sur de Asia. As poboacións africanas de S. s. senegalensis e S. s. phoenicophila teñen un sobrecú e cobertoiras superiores da cola gris-azulados pero difiren nos tons do pescozo e plumas das ás, mentres que S. s. aegyptiaca é máis grande e a súa cabeza e caluga son cor viño e as cobertoiras das ás superiores son marróns avermelladas. A cola está graduada e as plumas externas teñen puntas brancas. Os sexos son indistinguibles no campo. Os individuos xoves carecen das marcas a cadros do pescozo. As patas son vermellas. As poboacións varían lixeiramente en plumaxe e as procedentes de zonas máis áridas son máis claras. Atopáronse plumaxes anormais con leucismo.

A chamada como unha risadiña entre dentes que fai é un vibrante e grave cruu-duu-duu-duu-duu cunha amplitude que crece e diminúe.

Distribución e hábitat É unha especie común e moi espallada en hábitats arbustivos, campos de cultivo secos e en áreas onde habitan os humanos, a miúdo sendo moi mansa. A súa área de distribución inclúe gran parte da África subsahariana, Arabia Saudita, Irán, Iraq, Afganistán, Paquistán e India. Tamén se encontra en Chipre, Palestina, Israel, Líbano, Siria, Xordania, os EAU, e Turquía (estas poboacións poden derivar de introducións humanas). Son principalmente sedentarias, pero algunhas poboacións poden trasladarse. Aves aneladas en Gujarat foron recuperadas a 200 km no norte de Paquistán e rexistráronse aves exhaustas que se pousaron en barcos no mar de Arabia. A especie (exemplares pertencentes á poboación nomeada) foi introducida en Perth en 1889 e conseguiuse establecer en Australia Occidental. As aves que se pousan en barcos poden ser introducidas en novas rexións.

Comportamento e ecoloxía

A especie vese xeralmente en parellas ou pequenos grupos e só raramente en grandes grupos. Os grupos máis grandes fórmanse especialmente cando van beber en pozas en rexións áridas. En pequeno número xúntanse en árbores preto de pozas de auga antes de voar ata o bordo da auga onde sorben a auga. Comen as sementes caídas, principalmente de herbáceas, outra materia vexetal e pequenos insectos que viven no chan como térmites e escaravellos. Son bastante terrestres, alimentándose no chan en praderías e cultivos. Os seus voos son rápidos e directos con batidos de ás regulares e un ocasional movemento brusco das ás característico dos pombos en xeral. miniatura|esquerda|Niños nunha oliveira cunha posta típica de dous ovos, na ila de Djerba.

O macho durante a exhibición de cortexo segue a femia subindo e baixando a cabeza mentres arrolan. O macho pica as súas ás dobradas en "desprazamento-acicalamento" para solicitar a copulación coa femia. A femia acepta agachándose e pedindo alimento. O macho pode continuar o cortexo de alimentación antes de montala e copular. As parellas poden acicalarse entre si. Os machos poden tamén lanzarse ao aire con golpes das ás contra as costas e despois baixar planeando describindo un suave arco cando se exhiben. A especie ten unha tempada reprodutora dilatada en África. Case de todo o ano en Malaui e Turquía; e principalmente de maio a novembro en Zimbabwe, e de febreiro a xuño en Exipto e Tunisia. En Australia a principal estación reprodutora é de setembro a novembro. O niño é unha plataforma moi pouca sólida de ramiñas construído nun arbusto baixo e ás veces en gretas ou baixo os beirados dos tellados das casas. O niño constrúeno ambos os proxenitores e os machos traen as ramiñas que son colocadas polas femias. Poñen dous ovos cun intervalo dun día entre cada un, e ambos os proxenitores interveñen na construción do niño, incubando e alimentando as crías. Os machos pasan máis tempo incubando no niño durante o día. Os ovos son incubados unha vez que poñen o segundo ovo, os cales fan eclosión uns 13 a 15 días despois. Os adultos nidificantes poden finxir lesións para distraer e facer recuar das proximidades do niño aos predadores. Unha mesma parella pode criar múltiples postas no mesmo niño. En Turquía rexistráronse sete postas dunha mesma parella. Inicialmente, as crías altriciais que eclosionan son alimentados con leite do boche regurxitado, unha secreción da parede do boche das aves parentais. Os pombiños empluman e abandonan o niño uns 14 a 16 días despois. O cuco Clamator jacobinus ás veces pon un ovo nos niños da pombas das palmeiras en África.

As poboacións ferais en Australia son ás veces infectadas por un virus que causa síntomas similares aos producidos na doenza do bico e as plumas dos psitaciformes. Atopáronse varios piollos das aves ectoparasitos na especie como os do xénero Coloceras, Columbicola, Bonomiella e Hohorstiella. Tamén se atopou nesta especie o parasito sanguíneo Trypanosoma hannae. Observouse que o picanzo do norte depreda adultos de rola das palmeiras no noroeste da India mentres que o buxato Kaupifalco monogrammicus depreda a especie en África. Os exemplares do sur de África por veces mostran unha deformidade no bico na cal se produce un sobrecrecemento da mandíbula superior.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Gravacións de son de Xeno-canto da rola das palmeiras Texto sobre a especie en The Atlas of Southern African Birds. Imaxes e medios Rola das palmeiras Guía estruturada das especies do sur de África

Categoría:Colúmbidos Categoría:Aves de África Categoría:Aves de Asia Categoría:Animais descritos en 1766 Categoría:Taxons descritos por Linné