Rogelio González Suárez, nado en Salcedo (Pontevedra) o 5 de decembro de 1906 e finado en 1955, foi un loitador antifranquista galego.

Traxectoria Traballou como carpinteiro na empresa de construcións Rodolfo Lama Prada. Militaba no PCE na célula da Ruibal. En 1930 pertenceu ao gremio de carpinteiros en Pontevedra adscrito primeiro á CGTU (Confederación General de Trabajadores Unitaria) de obediencia comunista e, máis tarde, integrada na UGT; foi presidente do Sindicato. En 1936 desempeñou a vicepresidencia do Sindicato e da Federación Obreira Local. Presidiu o mitin do 1 de maio de 1936 no que participaron Manuel García Filgueira, Julio Álvarez del Vayo e Margarita Nelken. Foi membro da comisión provincial pro estatuto galego e do comité local da Fronte Popular.

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e estivo agochado no monte con Manuel García Filgueira ata regresar ao seu domicilio, no que seguiu ocultándose ata novembro de 1945. Dende 1938 estaba en busca e captura por ser de marcada significación contraria ao Réxime e figurar como fuxido. En agosto de 1940 foi condenado polo Tribunal de Responsabilidades Políticas a 10 anos de desterro a 150 quilómetros de Pontevedra, 10 anos de inhabilitación absoluta e multa de 250 pesetas.BOE, 6-10-1940, p. 4665. En 1945 trasladouse a Coruña, adoptou o nome de Braulio Fernández Portela, e contactou con Ramón Seoane Suárez e Alejandro Gama Casalderrey a quen xa coñecía de Pontevedra, organizando o Comité Provincial do Partido Comunista de España, do que foi nomeado secretario político.

En xaneiro de 1947, cando era perseguido pola policía franquista, ausentouse da cidade con destino a Cádiz. Pero foi detido en febreiro. Procesado na Causa 36/1947, xunto a Gama Casalderrey e Seoane Suárez, cun total de 56 individuos acusados de actividades comunistas, o fiscal militar solicitou a pena de morte en consello de guerra celebrado na Coruña o 30 de xullo de 1947, acusado de estar relacionado cos guerrilleiros, de militar en organización política ilegal e de repartir propaganda subversiva.La Voz de Galicia, 31-7-1947, p. 4. Cumpriu condena primeiro na Prisión de Burgos, e dende xaneiro de 1949 na Colonia Penitenciaria de El Dueso (Santoña), de onde saíu en liberdade condicional o 23 de xullo de 1952.BOE, 22-8-1952, p. 3908. Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Contra o esquecemento: Rogelio González Suárez.

Rogelio González Suárez no blog Pontevedra nos anos do medo

Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1906 Categoría:Finados en 1955

Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes