Un fármaco (gr. φάρμακον), ás veces referido como medicina, menciña ou medicamento é toda substancia química purificada empregada na prevención, diagnóstico, tratamento, mitigación ou cura dunha doenza, para evitar a aparición dun proceso fisiolóxico non desexado ou ben para modificar condicións fisiolóxicas con fins específicos. É unha substancia, simple ou composta, utilizada como finalidade terapéutica contra as manifestacións patolóxicas, tanto se se produce a curación - suprimindo a causa da enfermidade - coma se só atenúa os síntomas.
A terapia farmacolóxica (farmacoterapia) é unha parte importante do ámbito médico e baséase na ciencia da farmacoloxía para o seu avance continuo e na farmacia para a súa xestión axeitada.
Os medicamentos clasifícanse de moitas maneiras. Unha das divisións clave é por nivel de control, que distingue os medicamentos receitados (os que un farmacéutico dispensa só con receita médica) dos medicamentos de venda libre (os que os consumidores poden pedir por si mesmos). Os medicamentos poden clasificarse polo seu modo de acción, vía de administración, sistema biolóxico afectado ou efectos terapéuticos. A Organización Mundial da Saúde (OMS) mantén unha lista de medicamentos esenciais.
O descubrimento de fármacos e o desenvolvemento de medicamentos son tarefas complexas e custosas que levan a cabo as empresas farmacéuticas, os científicos académicos e os gobernos. Como resultado deste complexo camiño desde o descubrimento até a comercialización, a colaboración converteuse nunha práctica habitual para facer avanzar os fármacos candidatos a través das liñas de desenvolvemento. Os gobernos adoitan regular que fármacos poden comercializarse, como se comercializan e, nalgunhas xurisdicións, o prezo dos medicamentos. Xurdiron controversias sobre o prezo dos medicamentos e a eliminación dos medicamentos usados. Definición Un fármaco é un medicamento ou un composto químico que se usa para tratar ou curar unha enfermidade. Segundo a Enciclopedia Británica, un fármaco é "unha substancia que se usa para tratar unha enfermidade ou aliviar a dor".
Segundo a definición do Instituto Nacional do Cancro, as formas farmacéuticas dos fármacos poden incluír comprimidos, cápsulas, líquidos, cremas e parches. Os fármacos poden administrarse de diferentes xeitos, como por vía oral, mediante infusión nunha vea ou mediante gotas postas no oído ou ollo. Un fármaco que non contén un principio activo e se usa en estudos de investigación chámase placebo.
En Europa, o termo é "produto medicinal" e a lexislación da UE defíneo como:
"Calquera substancia ou combinación de substancias que se presente como tendo propiedades para tratar ou previr enfermidades nos seres humanos; ou" "Calquera substancia ou combinación de substancias que se poida usar en seres humanos ou administrarlles a eles, xa sexa co fin de restaurar, corrixir ou modificar funcións fisiolóxicas exercendo unha acción farmacolóxica, inmunolóxica ou metabólica, ou para realizar un diagnóstico médico".
Historia
Desde as máis antigas civilizacións o home utilizou como forma de alcanzar melloría en distintas enfermidades produtos de orixe vexetal, mineral, animal ou nos últimos tempos sintéticos.Albarracín,A. et. al. 1.984 Historia del medicamento. Vol. I. Ed. Doyma S.A. Barcelona. 99 pp. O coidado da saúde estaba en mans de persoas que exercían a dobre función de médicos e farmacéuticos, estes eran en realidade médicos que preparan os seus propios remedios curativos, chegando algún deles a alcanzar un grande renome na súa época, como é o caso do grego Galeno (130-200). Del provén o nome da Galénica, como a forma adecuada de preparar, dosificar e administrar os fármacos. Na cultura romana existían numerosas formas de administrar as substancias utilizadas para curar enfermidades. Así, utilizábanse os electuarios que eran unha mestura de varios pos de herbas e raíces medicinais aos que se lles engadía unha porción de mel fresco. O mel ademais de ser a substancia que servía como vehículo dos principios activos, daba mellor sabor ao preparado. En ocasións usábase azucre. Tamén adoitaba utilizarse un xarope o cal xa contiña azucre, no canto de auga, disolto e o conxunto preparábase formando unha masa pastosa. Precisamente Galeno fixo famosa a gran triaga á que dedicou unha obra completa, e que consistía nun electuario que chegaba a conter máis de 60 principios activos diferentes. Pola importancia de Galeno na Idade Media, a triaga fíxose moi popular durante esta época, deixando de estar autorizada para o seu uso en España en pleno século XX.Mª del Carmen Francés Causapé La Colección de medicamentos. É precisamente na Idade Media onde comeza a súa actividade o farmacéutico separado do médico. Na súa botica realiza as súas preparacións maxistrais, entendidas como a preparación individualizada para cada paciente dos remedios prescritos, e agrúpanse en gremios xunto aos médicos. No renacemento vaise producindo unha separación máis clara da actividade farmacéutica fronte a dos médicos, cirurxiáns e especieiros, mentres que se vai producindo unha revolución no coñecemento farmacéutico que se consolida como ciencia na Idade Moderna. A formulación maxistral é a base da actividade farmacéutica conxuntamente coa formulación oficinal, debido ao nacemento e proliferación de farmacopeas e formularios, e esta situación continúa ata a segunda metade do século XIX.Lastres, J.L. Director do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica. Facultade de Farmacia - Universidade Complutense de Madrid. na páxina web da Facultade de Farmacia e Bioquímica da Universidade de Buenos Aires.
A partir deste momento empezan a aparecer os específicos, que consistían en medicamentos preparados industrialmente por laboratorios farmacéuticos. É así, que as formas galénicas non adquirirán verdadeiro protagonismo ata ao redor de 1940, cando a industria farmacéutica desenvólvese e estas comezan a fabricarse en grandes cantidades. Desde entón ata hoxe en día os xeitos en que se presentan os medicamentos foron evolucionando e a diversidade que atopamos no mercado é moi ampla.Domínguez-Gil,Alfonso. Catedrático de Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Salamanca, en declaracións a revista Estar bien edición dixital, 6 de xuño de 2008, nº 60
Forma farmacéutica miniatura|Fármaco en pílulas. Forma galénica ou forma farmacéutica é a disposición individualizada a que se adaptan os fármacos (principios activos) e excipientes (materia farmacoloxicamente inactiva) para constituír un medicamento.Lei 29/2006 de Garantías e Uso Racional dos Medicamentos e Produtos Sanitarios, en España. Ou dito doutra forma, a disposición externa que se dá ás substancias medicamentosas para facilitar a súa administración.
O primeiro obxectivo das formas galénicas é normalizar a dose dun medicamento, por iso tamén se coñecen como unidades posolóxicas. Ao principio elaboráronse para poder establecer unidades que tivesen unha dose fixa dun fármaco co que se puidese tratar unha determinada patoloxía".
A importancia da forma farmacéutica reside en que determina a eficacia do medicamento, xa sexa liberando o principio activo de xeito lento, ou no seu lugar de maior eficiencia no tecido branco, evitar danos ao paciente por interacción química, solubilizar substancias insolubles, mellorar sabores, mellorar aspecto etc.
Clasificación miniatura|upright|Envases de medicamentos (tilidina) Os medicamentos divídense en cinco grupos:
Especialidade farmacéutica: É o medicamento de composición e información definidas, de forma farmacéutica e dosificación determinadas, preparado para o seu uso medicinal inmediato, disposto e acondicionado para a súa dispensación ao público, con denominación, embalaxe, envase e etiquetado uniformes segundo o dispoñan as autoridades sanitarias. Fórmula maxistral: É o medicamento destinado a un paciente individualizado, preparado polo farmacéutico, ou baixo a súa dirección, para cumprimentar expresamente unha prescrición facultativa detallada das substancias medicinais que inclúe, segundo as normas técnicas e científicas da arte farmacéutica, dispensado na súa farmacia ou servizo farmacéutico e coa debida información ao usuario. Preparado ou fórmula oficinal: É aquel medicamento elaborado e garantido por un farmacéutico ou baixo a súa dirección, dispensado na súa oficina de farmacia ou servizo farmacéutico, enumerado e descrito polo Formulario, destinado á entrega directa aos enfermos aos que abastece dita farmacia ou servizo farmacéutico. Medicamento prefabricado: É o medicamento que non se axusta á definición de especialidade farmacéutica e que se comercializa nunha forma farmacéutica que pode utilizarse sen necesidade de tratamento industrial e ao que a autoridade farmacéutica outorgue autorización e inscriba no rexistro correspondente. Medicamento en investigación: Forma farmacéutica dunha substancia activa ou placebo, que se investiga ou se utiliza como referencia nun ensaio clínico, incluídos os produtos con autorización de comercialización cando se utilicen ou combinen, na formulación ou no envase, de forma diferente á autorizada, ou cando se utilicen para tratar unha indicación non autorizada, ou para obter máis información sobre un uso autorizado.
Ademais, poden recibir algúns cualificativos específicos como: Medicamento citostático Medicamento compasivo Medicamento esencial Medicamento heroico: de acción moi enérxica que só se aplica en casos extremos.Medicamento. Diccionario de la Lengua Española (22ª ed.). Madrid: Real Academia Española; 2001. Medicamento orfo Medicamento milagroso Medicamentos similares
Segundo a prescrición médica En España e algúns países latinoamericanos, os medicamentos dispénsanse, distribúen ou venden exclusivamente nas farmacias. Existen dous tipos de medicamentos segundo a prescrición médica:
Medicamento de venda libre: Son aqueles medicamentos que se distribúen libremente nas farmacias, sen necesidade de prescrición ou receita médica. Divídense en dúas categorías: As especialidades farmacolóxicas publicitarias (EFP) correspóndense con medicamentos publicitados nos medios de comunicación de masas como, por exemplo, a televisión. Os produtos OTC ("Over the Counter") son fármacos destinados ao alivio, tratamento ou prevención de afeccións menores, cos que se posúe unha ampla experiencia de uso e foron expresamente autorizados como tales. Medicamento con receita médica: Son aqueles medicamentos receitados por un médico para o tratamento dunha enfermidade ou síntoma en concreto.
Segundo o dereito de explotación Medicamento con patente: son aqueles medicamentos de investigación propia do laboratorio que os comercializa, suxeitos á protección comercial que brindan as axencias internacionais de patentes. A patente non se limita á molécula, senón tamén á formulación, mecanismo de produción, ou asociación con outras moléculas. Mediante sucesión de patentes as casas farmacéuticas conseguen prolongar o período de exclusividade das súas presentacións comerciais, aínda cando presentacións anteriores da mesma molécula queden libres. Medicamento xenérico: aquelas presentacións de moléculas que xa non están protexidas pola patente do seu investigador. Poden ser libremente producidas por outros laboratorios e adoitan supoñer un menor prezo. As distintas Axencias do medicamento e organizacións reguladores nacionais aseguran as similares bioequivalencia e biodispoñibilidade dos medicamentos xenéricos fronte a aqueles que lles son referencia.
Segundo a vía de administración
Existen numerosas formas de clasificar as formas galénicas, segundo o factor que teñamos en conta: o seu estado físico, a vía de administración, a orixe dos seus compoñentes etcétera. Non obstante a máis utilizada e a máis útil desde o punto de vista da medicina é a clasificación segundo a vía de administración que usen.
Oral