Mississippi é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na rexión Sur do país. Mississippi foi historicamente un estado dominado por granxas e pequenas cidades, dependente da agricultura e da gandaría. Actualmente, con todo, este estado posúe unha economía relativamente diversificada, cunha industria de manufactura e cun turismo en crecemento. Mississippi está considerado o estado máis pobre dos Estados Unidos, con altas taxas de desemprego e a menor renda per cápita do país.

Mississippi ten ese nome debido ao río Mississippi, que discorre ao longo da súa fronteira oeste. O nome Mississippi provén dunha palabra do ojibwa, que significa "grandes augas" ou "pai das augas". Algúns alcumes de Mississippi son Estado da Magnolia e Estado da hospitalidade.

Mississippi foi inicialmente colonizado polos españois, pero anexionado polo Reino Unido baixo os termos do Tratado de París de 1763. Coa independencia das Trece Colonias, a rexión de Mississippi pasou a formar parte dos recentemente creados Estados Unidos de América. O Territorio de Mississippi creouse en 1798 e, xa como o actual Mississippi, foi elevado á categoría de estado da Unión o 10 de decembro de 1817. Mississippi prosperou economicamente e foi durante décadas un dos estados máis ricos do país. Mississippi segregouse dos Estados Unidos en 1861, uníndose aos Estados Confederados de América. Foi un dos estados máis afectados pola Guerra Civil Estadounidense, que arruinou a súa economía e cuxos efectos socioeconómicos aínda poden apreciarse hoxe en día.

Historia Ata 1817 Na rexión que constitúe actualmente Mississippi vivían tres tribos diferentes de nativos americanos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos. Estas tribos eran os chickasaw, que vivían na rexión céntrica do actual Mississippi, os choctaw, que vivían no norte e no leste, e os natchez, que vivían no suroeste. A poboación indíxena en Mississippi, na época en que os primeiros exploradores europeos chegaron á rexión, estímase entre 25.000 e 30.000 nativos americanos.

Os primeiros exploradores europeos que chegaron ó territorio foron os membros dunha expedición española comandada por Hernando de Soto en 1541. Soto e a súa expedición andaban á procura de ouro e doutros metais preciosos. Posto que non atoparon ningún destes recursos naturais na zona, non fundaron ningún asentamento. O territorio continuaría sen ser explorado polos europeos ata 1692, cando o francés Pierre Le Moyne d'Iberville fundou o primeiro asentamento permanente no actual Mississippi, onde está localizada actualmente Ocean Springs. Pola súa banda, o francés René Robert Cavelier xa reivindicara para a coroa francesa toda a conca fluvial do río Mississippi en 1682.

En 1716, o tamén francés Jean-Baptiste Le Moyne fundou o segundo asentamento europeo permanente na rexión, Fort Rosalie, onde actualmente está situada a cidade de Natchez. Os franceses empezaron o comercio de peles de animais cos nativos do territorio e iniciaron tamén o cultivo de tabaco e de arroz. Para isto, os franceses trouxeron os primeiros escravos a Mississippi en 1722.

O economista escocés John Law iniciou a principios do século XVII un proxecto para aumentar a poboación do país. Malia todo, o seu proxecto fallou e as persoas que investiron cartos no proxecto perderon todo o investido. Porén, o proxecto, cuxa suspensión de pagos foi anunciado no Reino Unido, atraeu ingleses e escoceses a Mississippi. Estes colonos fundaron diversos asentamentos, tales como Old Biloxi, New Biloxi (actual Biloxi) e Fort Louis da Mobile (actual Mobile). Con todo, o poboamento da rexión do Mississippi continuou sendo escaso e poucas persoas se interesaron por trasladarse á zona por mor dos frecuentes ataques dos nativos e das desavinzas entre os franceses e o Reino Unido —que tamén reivindicaba a rexión.

En 1730, os natchez empezaron unha rebelión armada contra os franceses. A represión francesa foi dura. En resposta os franceses atacaron rapidamente, masacrando á gran maioría dos membros da tribo, incluídas mulleres e nenos. Seis anos despois, en 1736, os chickasaw, axudados polos británicos, derrotaron as milicias francesas no nordeste do actual Mississippi, arrebatándolles aos franceses o control do río Mississippi. En 1763, baixo os termos do Tratado de París, os franceses cederon a colonia aos británicos. A rexión sur pasou a formar parte do territorio británico de Florida Occidental, mentres que o resto do actual Mississippi pasou a formar parte de Xeorxia.

En 1775 iniciouse a Guerra de Independencia dos Estados Unidos. Os habitantes da Florida Occidental, a maioría de ascendencia británica, permaneceron na súa maioría leais á coroa británica; mentres que os comerciantes (principalmente británicos e franceses) e os nativos americanos da rexión centro-norte do actual Mississippi apoiaron os rebeldes norteamericanos. España, que se aliou cos rebeldes durante a revolución armada, capturou a rexión de Florida Occidental sen dificultades en 1781. Dous anos despois, a guerra pola independencia terminou e, baixo os termos do Tratado de París de 1783, os británicos cederon a Florida Occidental aos españois e o resto do actual Mississippi —os territorios por riba do paralelo 32°— aos estadounidenses. Os estadounidenses inmediatamente reclamaron o paralelo 31° como fronteira e os españois aceptaron esta reivindicación en 1795.

En 1798, os Estados Unidos crearon o Territorio de Mississippi. O Territorio comezaría a desenvolverse máis rapidamente a partir de 1803, cando os Estados Unidos adquiriron un gran territorio, a Compra de Luisiana. Luisina outorgou aos Estados Unidos control pleno sobre o río Mississippi e estimulou o poboamento da zona. En 1803 o goberno americano cedeu terras ao norte do Territorio de Mississippi para unilas ao Territorio. Mississippi medraría en superficie novamente en 1812, cando unha parte da Florida Occidental foi anexionada polos Estados Unidos. Daquela o Territorio de Mississippi estaba composto por toda a rexión que actualmente constitúe Mississippi, así como o estado veciño de Alabama.

En 1817, o Congreso americano segregou da rexión leste do entón Territorio de Mississippi un novo territorio, o Territorio de Alabama. O 10 de decembro do mesmo ano, Mississippi elevouse á categoría de estado, converténdose no 20º estado da Unión.

1817 - 1945 Inicialmente, a capital de Mississippi foi Columbia, cambiándose algúns anos despois por Natchez e Washington ata que se trasladou definitivamente a Jackson en 1822. Os norteamericanos, durante a década de 1810 ata a década de 1830, forzaron gradualmente os nativos instalados en Mississippi a saíren do estado. Non houbo conflitos armados pola posesión das terras e os nativos abandonaron o estado pacificamente, aínda forzados. A gran maioría dos nativos trasladouse ao que se chamaba daquela o Territorio Indíxena —actualmente o estado de Oklahoma. A expulsión dos nativos deixou libres grandes extensións de terras para o cultivo, que atraeron grandes poboacións a Mississippi.

A finais da década de 1830, Mississippi era un gran centro agrario norteamericano. O estado posuía vastos latifundios, nos que se cultivaba principalmente algodón para a súa exportación. Estes latifundios dependían do traballo escravo como man de obra barata. Ata o comezo da década de 1860, Mississippi era considerado un dos estados máis ricos do país.

A maior parte da poboación de Mississippi apoiaba o uso do traballo escravo, do que dependía a economía do estado, como noutros estados do Sur americano. Ata a década de 1830, a maior parte da poboación estaba en contra dunha posible secesión do resto da Unión. Con todo, en menos de tres décadas, a idea de secesión cada vez acadou máis partidarios, por mor da crecente forza abolicionista nos Estados Unidos, que ameazaba a economía escravista do estado. En xaneiro de 1861, os membros do Lexislativo de Mississippi reuníronse nunha convención constitucional e decidiron segregarse dos Estados Unidos, converténdose no segundo estado americano en facelo, logo de Carolina do Sur. En febreiro, Mississippi uniuse a outros dez estados que se separaron dos Estados Unidos e entrou a formar parte dos Estados Confederados de América. Jefferson Davis, de Mississippi, foi nomeado primeiro Presidente da Confederación. Ese mesmo ano iniciaríase a Guerra Civil Estadounidense.

Aproximadamente oitenta mil homes de Mississippi serviron no exército confederado durante a guerra civil. Mississippi foi escenario de diversas batallas entre as tropas confederadas e as unionistas. A meirande destas batallas foi a Batalla de Vicksburg, acontecida o 4 de xullo de 1863, cando o forte confederado en Vicksburg foi capturado por tropas norteamericanas comandadas polo xeneral Ulysses S. Grant. As batallas que tiveron Mississippi como escenario foron causa de gran destrución nas súas cidades e campos. A economía de Mississippi ficou completamente arruinada ao remate da guerra en 1865 por mor do bloqueo dos portos da confederación, da elevada inflación e da fuga masiva de escravos. Mississippi, ata entón un dos estados máis ricos dos Estados Unidos, figura desde aquela entre os estados máis pobres do país.

Mississippi, despois do fin da guerra civil, pasou a ser administrada por militares americanos. Despois da adopción dunha nova constitución estatal, en 1870, Mississippi foi readmitido como estado americano en 1870. Non soamente se aboliu o traballo escravo en todos os Estados Unidos, senón que ademais o goberno americano impuxo un goberno estatal composto por brancos e afroamericanos. Isto foi visto como unha humillación por parte da poboación branca do estado. En 1876, o goberno militar que gobernaba Mississippi retirouse e os habitantes do estado recuperaron o control do goberno. Gradualmente, os afroamericanos perderon moitos dos dereitos que gañaran despois da guerra civil.

A economía de Mississippi tardaría décadas en recuperarse da destrución causada pola Guerra Civil. Soamente volvería aos niveis de pre-guerra na década de 1890, pasando a medrar máis vigorosamente a partir do inicio da década de 1900. Nese momento, a economía do estado comezou a diversificarse coa construción de fábricas e liñas ferroviarias. A silvicultura fíxose tamén unha importante fonte de ingresos en Mississippi. O auxe económico do estado durante os inicios do século XX ocorreu sobre todo durante a primeira guerra mundial, grazas ao aumento da demanda internacional de produtos industrializados.

Durante a década de 1900, Mississippi realizou diversas reformas socio-educativas. En 1908, o estado instituíu un sistema agrario de escolas de ensino secundario para intentar minguar as deficiencias no sistema educativo nas áreas rurais do estado. En 1912 Mississippi prohibiu o uso do traballo infantil. En 1916 iniciouse un programa de educación para adultos que pretendía diminuír as altas taxas de analfabetismo. En 1924 instituíuse o actual departamento de educación.

En 1927 un grande asolagamento do río Mississippi fixo que preto de cen mil persoas, que vivían ao longo do leito, fuxisen da zona. Malia que non morreu ninguén, as crecidas causaron danos por valor de preto de 204 millóns de dólares, un dos desastres naturais máis caros ata daquela na historia americana.