Víctor García Hernando, nado en Santander o 15 de xullo de 1915 e finado na mesma cidade o 4 de agosto de 1943, foi un futbolista español, que xogaba de defensa. Disputou 65 partidos na Primeira División, vestindo as camisetas do Racing de Santander e do Deportivo da Coruña, ata que faleceu por tuberculose con só 28 anos, sendo xogador do club galego.
Traxectoria
Racing de Santander Debutou co Racing de Santander na Primeira División na tempada 1934/35, no encontro da 17ª xornada disputado o o 17 de marzo de 1935 ante o Athletic Club. Ás ordes do inglés Randolph Galloway, disputou outro partido de Primeira esa tempada, así como outro na Copa do Presidente da República e tres máis no Campionato Mancomunado Castela-Aragón que se xogou entre setembro e novembro. Na campaña 1935/36 xogou catro encontros en Primeira, xa co galego Paco González no banco.
Pasada a guerra civil, na tempada 1939/40 fíxose un oco no once titular e disputou 20 dos 26 partidos de liga, conseguindo anotar dous tantos. Con todo, o club cántabro descendeu a Segunda División.
Deportivo da Coruña Tras unha tempada na categoría de prata, en 1941 foi contratado polo Deportivo da Coruña, que viña de ascender a Primeira por primeira vez na súa historia. Axiña se consolidou na titularidade, disputando 24 dos 26 partidos de liga, na maioría deles formando parella de defensas xunto a Pedrito, e foi peza clave na histórica campaña de debut do club galego, que logrou un sorprendente cuarto posto.
Na súa segunda campaña na Coruña sentiu os primeiros síntomas da tuberculose e comezou a perder presenza no once en favor de Portugués, pechando a tempada con 15 encontros. Ao remate da competición regresou coa súa familia a Santander e pouco despois foi ingresado no sanatorio de Valdecilla por mor da tuberculose. Dúas semanas despois, o 4 de agosto de 1943, faleceu no hospital, con só 28 anos.
O 5 de setembro, o Deportivo da Coruña e o Racing de Santander disputaron na cidade cántabra un partido amigable a beneficio da viúva e do fillo do xogador falecido. O 31 de outubro disputouse outro partido coa mesma finalidade entre o Deportivo e o Racing de Ferrol no campo de Riazor.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en ceroacero.es Datos do xogador en aupadeportivo.com Víctor en Peña Deportivista Os Zorros
Categoría:Nados en 1915 Categoría:Finados en 1943 Categoría:Nados en Santander Categoría:Futbolistas de Cantabria Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña