Luis Ángel César Sampedro, nado en Vilagarcía de Arousa o 3 de maio de 1966, é un adestrador de fútbol e ex futbolista galego. Como futbolista xogaba de porteiro e desenvolveu case toda a súa carreira entre o Lalín e o Racing de Ferrol, onde se retirou despois de lograr un ascenso á Segunda División. A súa carreira de adestrador comezou xusto despois de rematar a de xogador, dirixindo durante varios anos o propio Racing de Ferrol. Posteriormente pasou por numerosos equipos como o Nàstic (co que ascendeu a Primeira División), o Albacete, o Lugo ou o Deportivo da Coruña. É o terceiro adestrador con máis partidos dirixidos na Segunda División (444), sendo só superado por Paco Herrera (458) e Roque Olsen (447).

Traxectoria Como xogador Iniciouse na categoría infantil no Tótem FC, pasando en xuvenís ao Faxilde CF. En 1984 fichou polo Arousa SC, xogando dúas tempadas en Segunda B e unha en Terceira. En 1987 fichou polo CD Lalín. Logo de tres campañas en segunda B, descenderon a 3ª, volvendo ascender na tempada 1990-91. Despois doutro ano na comarca de Deza, fichou polo Racing de Ferrol, xogando 8 tempadas en segunda B. No ano 2000 ascendeu a segunda división, e pasou a converterse no adestrador.

Como adestrador

Racing de Ferrol Iniciouse nos banquiños na tempada 2000–01, adestrando ao Racing de Ferrol no seu retorno á Segunda División, salvando a categoría durante tres campañas. Na tempada 2003–04 descenderon á Segunda División B, retornando á categoría de prata á campaña seguinte.

Gimnàstic de Tarragona (1ª etapa) No verán de 2004 fichou polo Gimnàstic de Tarragona. Tras lograr unha cómoda permanencia na primeira tempada (7º posto) deu a sorpresa na tempada 2005–06 logrando ascender o equipo á Primeira División 56 anos despois. Despois de acadar tan só 5 puntos en 12 xornadas no seu debut en Primeira, foi destituído do cargo o 26 de novembro de 2006 logo de perder fronte ao RCD Mallorca (2–3). O seu substituto foi Francisco Flores.

Polideportivo Ejido Na tempada 2007–08 foi contratado polo Polideportivo Ejido en Segunda División, sendo substituído na xornada 21 por Fernando Castro Santos, cando o equipo ocupaba postos de descenso. Ao remate da campaña, o Poli Ejido descendeu á Segunda División B.

Gimnàstic de Tarragona (2ª etapa) Mediada a tempada 2009–10 foi contratado novamente polo Gimnàstic, que viña de cesar a César Ferrando na xornada 27. No conxunto catalán permaneceu esa campaña (na que se evitou o descenso) e parte da seguinte, na que foi deposto na xornada 15 cando o equipo ía último. O seu substituto foi Juan Carlos Oliva, que logrou reconducir a situación e finalmente lograr a permanencia do Gimnàstic.

CD Alcoyano O 21 de marzo de 2012, o adestrador galego foi contratado polo Club Deportivo Alcoyano para substituír a David Porras, tras a derrota dos valencianos contra o Deportivo da Coruña, e ao quedar nos postos de descenso. O arousano comezou unha nova aventura nas bancadas co obxectivo de manter ao equipo de Alcoi unha tempada máis na categoría de prata do fútbol español, algo que finalmente non conseguiu.

Albacete Balompié O 19 de marzo de 2013 foi contratado polo Albacete Balompié até o remate da tempada, en substitución de Antonio Gómez Pérez. Tras ser renovado, ao ano seguinte logrou ascender á Segunda División, despois de colleitar 82 puntos, igualando o récord da categoría e bater ao Sestao River nos "play-off".

Na tempada 2014/15 acadou a permanencia na categoría de prata tras unha gran remontada do equipo no que logrou saír da última posición que ocupaba ao final da primeira volta. Finalmente, foi destituído na tempada seguinte, o 12 de marzo de 2016, minutos despois de perder ante o Real Zaragoza, deixando ao equipo manchego no 20º lugar tras 29 xornadas de Liga.

CD Lugo (1ª etapa) O 17 de xuño de 2016 foi presentado como novo adestrador do Club Deportivo Lugo, substituíndo no banco a José Durán. Levou ó equipo galego a completar a súa mellor tempada na categoría de prata, rematando noveno con 55 puntos. Non obstante, o 15 de xuño de 2017 decidiu non aceptar a oferta de renovación do club.

Real Valladolid O 23 de xuño de 2017 converteuse no novo adestrador do Real Valladolid. Foi destituído o 14 de abril de 2018, coa escuadra castelá como 11ª clasificada ao final da 34ª xornada da Liga.

Tenerife O 13 de maio de 2019 anunciouse a súa fichaxe como adestrador do Club Deportivo Tenerife. Dirixiu o equipo de Tenerife nos últimos 4 partidos da Liga, logrando a permanencia na segunda división, a pesar do cal non permaneceu no cargo.

Deportivo da Coruña O 7 de outubro de 2019 firmou polo Deportivo da Coruña até o remate da tempada 2019–20, en substitución de Juan Antonio Anquela. Non conseguiu a vitoria en ningún dos dez primeiros partidos, alongando a mala xeira de Anquela até os 19 partidos sen gañar, a peor xeira da historia do club. Finalmente venceu ao Tenerife en liga e ao Illueca en copa, mais foi destituído o 27 de decembro, sendo substituído por Fernando Vázquez.

CD Lugo (2ª etapa) O 3 de marzo de 2021 volveu ao Lugo, converténdose no terceiro adestrador da tempada, despois das destitucións de Juanfran e Mehdi Nafti. A súa segunda etapa no equipo lucense durou só un mes e medio, pois foi tamén el foi destituído o 19 de abril despois de oito encontros, cun balance de tres empates e cinco derrotas.

Gimnàstic de Tarragona (2ª etapa) En maio de 2025 iniciou a súa terceira etapa no banco do Nàstic, ao que chegou trala destitución de Dani Vidal a falta de dúas xornadas para o remate da liga. Co equipo clasificado na quinta posición, foi contratado co obxectivo de conseguir o ascenso á Segunda División. Despois de conseguir un empate contra a Gimnástica Segoviana e unha vitoria diante do Arenteiro, o club catalán asegurou a súa presenza na promoción de ascenso. Os goles do asturiano Pablo Fernández ante o Murcia meteron o Nàstic na final da promoción, onde acabou caendo ante a Real Sociedad B de Iosu Rivas. Continuou no banco do Nàstic no inicio da tempada 2025/26, pero foi destituído trala décima xornada, cun balance de catro vitorias, dous empates e catro derrotas.

Clubs

Como adestrador ClubPaísPeríodoRacing de Ferrol2000-2004176634865Gimnàstic de Tarragona2004-2006103432139Polideportivo Ejido2007-2008225512Gimnàstic de Tarragona2010316916Club Deportivo Alcoyano201213319Albacete Balompié2013-2016130553342Club Deportivo Lugo2016-201743141316Real Valladolid2017-20183816913Club Deportivo Tenerife20194211Real Club Deportivo da Coruña20191224616.67Club Deportivo Lugo202130350Gimnàstic de Tarragona2025-1774641.18 Notas

Véxase tamén Ligazóns externas www.luiscesarsampedro.com . Datos do adestrador en bdfutbol.com . Datos do adestrador en transfermarkt.es .

Categoría:Nados en 1966 Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa Categoría:Futbolistas de Vilagarcía de Arousa Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Arosa SC Categoría:Xogadores do CD Lalín Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Adestradores do CD Alcoyano Categoría:Adestradores do Albacete Balompié Categoría:Adestradores do CD Lugo Categoría:Adestradores do Real Valladolid Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña