miniatura|230px|Igrexa de Iria Flavia. A Crónica de Santa María de Iria ou Coronica de Santa Maria de Iria é un texto da prosa galega medieval, do ámbito da historiografía. Foi escrita a mediados do século XV, e trátase dun relato da historia da Diocese de Iria, que pretendía abarcar desde o comezo dos tempos até o momento da súa composición, deténdose na época do Arcebispo Xelmírez. Algúns estudosos pensaron que o seu seu obxectivo sería reivindicar o dereito a percibir o décimo da Quinta, un imposto sobre unha serie de parroquias (situadas no que agora son os concellos de Padrón e Santiago) que o arcebispado compostelán lle fora usurpando. Para iso, terían feito valer o seu título de diocese arcebispal, anterior a Santiago, cunha dupla estratexia: a documental, mediante a confección do Tombo de Iria, e a historiográfica, mediante a redacción da Crónica de Iria. Porén, esta interpretación ficou invalidada por traballos recentes.

Historia O texto foi elaborado no contorno da catedral de Santiago de Compostela durante os anos 1467 e 1468, e segundo o editor José Antonio Souto "é o último exemplo do galego espontáneo naquela altura; o que se fixo despois foi máis artificioso".

O historiador López Ferreiro falaba da existencia de 8 manuscritos, mais hoxe só se coñecen catro. O máis antigo (C) está no Arquivo da Catedral de Santiago. Esta copia foi escrita entre abril de 1467 e marzo de 1468, durante a Gran Guerra Irmandiña, e está asinada e datada por Rui Vasques, a quen algúns autores atribúen a obra (Souto Cabo, o seu último editor, pensa que é o orixinal, mentres que David Mackenzie e Camiño Noia mais Bieito Arias consideran que é unha copia). Consta de catorce folios encadernados no século XVII. Desta versión medieval hai outras dúas copias, unha na Biblioteca Nacional de Madrid (M, copia do século XVI) e outra na da Universidade de Salamanca (S, copia do século XVII). Hai outra versión na Biblioteca Vaticana (V, copia do século XVII), pero presenta diferenzas textuais importantes con respecto a C, polo cal as opinións dos estudosos están divididas sobre cal é o orixinal. No manuscrito da Catedral hai un longo fragmento que relata episodios da guerra dos Irmandiños, situado cronoloxicamente en 1467, o que desestrutura o contido da Crónica (que abranguía desde o principio dos tempos ata a época de Xelmírez, no séc. XII); pola contra, en V este episodio non figura, o que pareceria casar mellor coa motivación da Crónica. Mentres que Souto Cabo considera que C é o documento orixinal, creado (non só copiado) por Rui Vasques, Mackenzie considera que tivo que existir un orixinal anterior, onde ese fragmento non existía, de onde foi copiado tamén V; por tanto, para o investigador británico, o fragmento dos Irmandiños sería unha interpolación, e o orixinal estaría perdido. Ademais, na copia da Vaticana indícase que foi tirada dun orixinal de 1444, cando se comezou a facer o Tombo de Iria, mentres que a de Rui Vasques está datada en 1468.

Recentes estudos de Souto Cabo permiten reavaliar algunhas das opinións vertidas por outros estudosos.

Lingua e fontes Como corresponde á época en que foi elaborado, o texto presenta trazos da evolución do galego da época e transloce o comezo do proceso de castelanización da lingua galega:

A obra traduce e incorpora, sen moito rigor, obras anteriores, como o Cronicón Iriense (s. XI), a Historia Compostelá e fragmentos do Cronicón Compostelán e o Privilexio dos votos (século XII).

Versión do século XVIII En 2009 descubriuse un manuscrito dunha obra de grande extensión, copiada e glosada por Pedro Otero Romero Torres entre 1713 e 1735. Aproveita algúns fragmentos da Crónica de Iria para finxir antigüidade.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Boullón Agrelo, Ana Isabel (2019): “Rui Vázquez, copista da Crónica de Iria: indicios lingüísticos”, La Coronica 48.1, 73-97. DOI: https://doi.org/10.1353/cor.2019.0019 Boullón Agrelo, Ana Isabel (2020): “Consideraciones sobre la transmisión textual de la Crónica de Iria”, Zeitschrift für romanische Philologie 136(1), 134-160. López Alsina, Fernando (2004): “De Santa Eulalia de Iria Flavia a Santiago de Padrón: la transformación medieval”, en Manuel C. Díaz y Díaz (coord.): Escritos dedicados a José María Fernández Catón. León: Centro de Estudios e Investigación "San Isidoro", vol. II, 819-868. Mackenzie,David (1988): “¿Unha Crónica en galego de Xan Rodríguez do Padrón?”, en VicenteBeltrán  (ed.): Actas del I Congreso de la Asociación Hispánica de Literatura Medieval: Santiago de Compostela, 2 al 6 de diciembre de 1985. Barcelona: Promociones y Publicaciones Universitarias, 419-422. http://www.ahlm.es/IndicesActas/ActasPdf/Actas1/35.pdf Otero Romero y Torres, Pedro (2011): Historia da Santa Igrexa de Iria: manuscrito galego do século XVIII. Edición e introdución de Bieito Arias e Camiño Noia Campos. Vigo: Universidade de Vigo. Rui Vasques. Crónica de Santa Maria de Iria. Estudo e edizón de José Antonio Souto Cabo, Santiago de Compostela, Ediciós do Castro (Cabido da S.A.M.I. Catedral / Seminario de Estudos Galegos), 2001. Souto Cabo, José António (2014): "Rui Vasques e a Crónica de Iria", Verba 15, 305-335. Souto Cabo, José António (2022): "Aparescerá por la presente escriptura atá o tempo en que somos. Ainda sobre a Crónica de Santa Maria de Íria", em R. Pichel (ed.), Tenh'eu que mi fez el i mui gran ben. Estudos sobre cultura escrita medieval dedicados a Harvey L. Sharrer, Madrid: Silex: pp. 591-644.

Categoría:Crónicas medievais de España Categoría:Historiografía de Galicia Categoría:Manuscritos