José María Cuevas, nado en Madrid o 29 de xuño de 1935 e finado na mesma cidade o 27 de outubro de 2008, foi un empresario español, presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais entre 1984 e 2007.
Traxectoria Foi fillo de comerciantes que, por problemas políticos, tiveron que abandonar en 1933 a súa vila de orixe, Barruelo de Santullán, na provincia de Palencia.
Licenciouse en Dereito na Universidade Complutense de Madrid e foi diplomado en Alta Dirección de Empresa polo Instituto de Estudos Superiores da Empresa da Universidade de Navarra.
Durante o seu período universitario viviu no Colexio Maior Santa María. Foi Secretario Xeral do Sindicato Español Universitario do Distrito Universitario de Madrid, con Rodolfo Martín Villa como xefe. Posteriormente ocupou o mesmo cargo na Xefatura Nacional do SEU. Estivo vinculado á Falange Española, solicitando o estado de excepción nos comezos da transición española e a retirada da autonomía ás "Provincias Vascongadas".
A súa actividade empresarial estivo vinculada co sector do papel. Pertenceu ó consello de administración de varias industrias papeleiras, como Pultex Ibérica ou Papelera del Mediterráneo, e dirixiu o Grupo Sarrió. Dentro do seu labor no sector do papel, implicouse en 1976 no nacemento da Organización de Fabricantes de Pastas de Papel. Ademais destes cargos, foi presidente da construtora Vallehermoso e do Consello Superior de Cámaras de Comercio.
Participou na xestación da CEOE, xunto co que sería o seu primeiro presidente, Carlos Ferrer Salat. Ocupou o posto de secretario xeral da CEOE en 1978 e foi elixido sucesor de Salat en 1984. Ocupou o cargo de presidente ata o 2007, cando foi substituído, con algunha polémica, por Gerardo Díaz Ferrán, o presidente da organización patronal madrileña e da Cámara de Comercio de Madrid. Para isto, Cuevas modificou os estatutos da organización meses antes da designación do seu substituto, establecendo que a sucesión na presidencia da organización a establecesen os vicepresidentes da CEOE, e non a asemblea xeral como se viña realizando ata entón.
En 1977 participou nos pactos da Moncloa en representación da patronal.
De ideoloxía liberal, mostrouse a prol do modelo económico estadounidense a mediados da década de 1990, e en contra da redución da xornada laboral.
En 1989 encabezou o proxecto presentado por Eurogalicia Forestal nas Pontes para crear unha fábrica de papel. O proxecto non se levou a cabo ó quebrar a empresa KIO, do seu socio Torras"O quinto conto da papeleira" artigo en La Voz de Galicia.
Morreu a causa dun edema pulmonar.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Biografía extensa Entrevista de febreiro de 1998
Categoría:Empresarios de España Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2008 Categoría:Alumnos da Universidade de Navarra Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid