miniatura|200px|dereita|Representación artística dun pene, época romana.
O pene é o órgano masculino que intervén na excreción urinaria e en certas prácticas sexuais. O pene en erección, en especial a súa representación, recibe o nome de falo. Intervén na expulsión do esperma e os ouriños e a súa forma e tamaño depende do grao de excitación sexual e doutros factores externos. É por tanto un órgano cunha función dupla: sexual e excretora.
Alén diso, e derivado da súa representación da masculinidade, o falo ten un significado simbólico a nivel psíquico. Do mesmo xeito o falo cobra significado en manifestacións relixiosas, antropolóxicas e culturais.
Denominación A palabra pene procede do latín penis, que significa "cola". Á súa vez, crese que este termo latino deriva do grego πέος. O termo falo provén do latín phallus, e este do grego φαλλός, o cal podería derivar do verbo fenicio phalla, que quere dicir "ser admirable", ou ben da palabra phalou, que significa "cousa secreta e oculta".
Na linguaxe familiar ou vulgar ten varios sinónimos en distintos idiomas. Camilo José Cela dedicou un volume do seu Diccionario Secreto aos diversos nomes do órgano en cuestión en lingua castelá. Como noutras palabras referentes ao aparato sexual -masculino ou feminino-, o recurso aos eufemismos e expresións metafóricas para designar o pene deu lugar a unha longa lista de sinónimos e denominacións figuradas e familiares, entre as cales están as seguintes: caralla, caralleta, carallo, cipote, fleme, gaita, garabatillo, maneto, minga, mingalla, mingallo, miñoca, mioca, moca, moco, nabo, óso, pau, paxaro, picha, pirola, pirolo, pirulí, pirulo, pisa, pisparro, pispilete, pistolo/pistola, pistolón, pita, pitilín, pito, pixa, porra, porro, rabo, rella, tolete, verga, vergallo.
Para os distintos termos usados en argot para "pene", pode verse WikiSaurus:pene
Aspectos anatómicos e fisiolóxicos miniatura|200px|esquerda|Sección transversal do pene.
Anatomía O aparato xenital masculino consta dun órgano par, o testículo, no que se producen os espermatozoides, e dunha longa serie de vías que transportan os espermatozoides por medio do líquido espermático dende o testículo ata o meato, situado no extremo do pene. Os testículos, en número de dous, alóxanse en sendas bolsas cutáneas exteriores ao abdome, chamadas escrotos. Deles parten os condutos deferentes, que finalizan ao unirse ao conduto excretor das vesículas seminais para constituíren o conduto exaculador. Dito conduto exaculador desemboca na uretra ao atravesaren a próstata. A uretra transporta o líquido espermático e a urina ata o extremo do pene, onde son expulsados ao exterior.
O pene consta dun segmento cilindroideo ou parte libre, que está pendurado por diante das bolsas do escroto, e dunha raíz suxeita ás ramas isquiopubianas e ao perineo. Estruturalmente o armazón fundamental do pene está constituído polos seus tres corpos eréctiles: dous corpos cavernosos e un corpo esponxoso.
Cada un dos corpos cavernosos é unha formación cilíndrica afiada polos seus extremos. Na parte libre do pene os corpos cavernosos discorren xuntos polo seu dorso ata que, ao chegaren á raíz, diverxen, aplicándose cada un deles á correspondente rama isquiopubiana, á cal quedan suxeitos polo correspondente músculo isquio-cavernoso. O corpo esponxoso é un longo cilindro cuxa metade anterior se incorpora á parte libre do pene, onde queda en posición ventral e entre os dous corpos cavernosos, mentres que a metade posterior se dispón ao longo da liña media do perineo anterior. O seu extremo posterior constitúe o bulbo esponxoso. No extremo contrario, o corpo esponxoso expándese en sentido dorso-lateral para constituír a glande ou bálano, de forma sensiblemente cónica en cuxo vértice se atopa o meato. A glande presenta unha falla ventral en forma de escote angular.
O corpo esponxoso está percorrido en toda a súa lonxitude pola uretra peneana, que desemboca no meato. A uretra presenta dúas dilatacións: unha anterior (a fosa navicular), próxima ao meato, e outra posterior (a fosa bulbar), próxima ao bulbo. A parte libre do pene está cuberto por unha pel moi fina e elástica que no seu extremo anterior, no canto de fixarse no contorno do meato urinario, se invaxina continuándose cunha folla mucosa ata rematar xusto por debaixo da coroa da glande. Esta vaíña así constituída chámase prepucio. Un freo tamén elástico liga o devandito escote da glande co punto ventral do anel prepucial. En condicións normais o anel prepucial é o bastante grande para permitir que a glande se exteriorice cando a pel do pene é retraída cara a raíz do membro, como acontece durante a erección. A estreitura do prepucio é coñecida como estenose prepucial ou fimose. A cuberta do pene inclúe, como no escroto, un estrato muscular liso, chamado dartos. Cubrindo este estrato hai unha capa de tecido celular subcutáneo extraordinariamente laxo que permite o deslizamento da pel sobre a fascia penis, vaíña fibrosa que envolve o complexo antes descrito dos corpos eréctiles. Sobre a fascia penis corre a vea dorsal superficial, que recolle o sangue cutáneo, e en posición lateral, as dúas arterias dorsais, mentres que a vea dorsal profunda vai en posición subfascial. Por dentro de cada un dos corpos cavernosos discorre a correspondente arteria cavernosa, que deriva da arteria pudenda interna.
O pene humano carece de baculum, un óso que se encontra no pene de moitas especies de mamíferos e cuxa función é a de facer posíbel a erección. O pene humano, a diferenza dos doutros primates, pendura fóra da cavidade abdominal, e con iso exponse a posibles lesións. Entra dentro do posible que os nosos antepasados tivesen baculum, como tantos outros mamíferos actuais, e que o perdesen xunto co pregadura da pel abdominal que o cubría. Porén non se coñecen fósiles de ósos do pene entre os antepasados do home moderno e esta posibilidade faise indemostrable.
A seguinte táboa reflicte as diferenzas anatómicas entre mamíferos domésticos no que se refire ao aparato reprodutor masculino:
Touro, cervo e carneiro Cabalo Porco Can Gato Llama Orientación testicular Cauda vertical cara a abaixo Horizontal Cauda perineal cara a arriba Horizontal Cauda perineal cara a arriba Cauda perineal cara a arriba Ampola + + +- +- - +- Vesícula seminal + + + - - - Bulbouretra + + ++ - + + Próstata + + + + + + Tipo de pene Sigmoide fibroelástico Vascular Sigmoide fibroelástico Vascular Vascular Sigmoide fibroelástico
Fisioloxía miniatura|200px|dereita|Disposición das arterias (arriba) e das veas (abaixo) nos corpos cavernosos e no corpo esponxoso. miniatura|Vídeo dunha exaculación.
Para poder empregar o pene en actos de tipo sexual este debe estar en erección. A erección é produto da actividade rexistrada polos centros nerviosos superiores do cerebro (erección psicóxena) ou da estimulación da pel da rexión xenital (erección reflexoxénica). As febras nerviosas aferentes procedentes da rexión xenital esténdense polos nervios pudendos ata a zona sacra da medula espiñal. Os impulsos no nervio cavernoso provocan a dilatación da arteria pudenda interna e das súas ramas principais. A erección lógrase a través de dous mecanismos hidráulicos sinérxicos: por unha banda a ingurxitación dos corpos cavernosos do pene, a través da dilatación das arterias que o irrigan ao tempo que se contraen as vénulas correspondentes; por outra parte a compresión que exercen os músculos isquiocavernosos contra o arco isquiático, que impide a drenaxe dos tecidos cavernosos. En definitiva, é a maior afluencia e menor evacuación de sangue o que fai cobrar volume e dureza ao pene.
Os nervios pudendos proporcionan respostas sensoriais que manteñen a erección durante a estimulación xenital, e que proveñen na súa meirande parte dos receptores táctiles cutáneos existentes na glande. A emisión e a exaculación son considerados os estadios finais do acto sexual masculino. Cando a estimulación sexual se fai moi intensa as contraccións rítmicas no conduto deferente e na ampola impulsan aos espermatozoides cara ao conduto exaculador, e a continuación segrégase líquido prostático e contráense as vesículas seminais. Este proceso chámase emisión. A exaculación é a expulsión do líquido ao exterior a través do pene. Durante a exaculación péchase o esfínter vesical para evitar a saída da urina da vesícula e o retroceso do seme, e prodúcense contraccións musculares que conducen o líquido seminal ao longo do pene. A exaculación adoita ir acompañada dunha sensación pracenteira chamada orgasmo. A exaculación prodúcese normalmente co pene en erección, pero tamén pode acontecer en semierección ou co pene en estado fláccido. Certos estados patolóxicos poden provocar que se produza un orgasmo sen exaculación ou unha exaculación sen orgasmo. Os orgasmos múltiples son excepcionais e sempre acontecen durante a adolescencia e en homes de ata 20 anos de idade, tras un período de aprendizaxe e adestramento no que aprenden a separar exaculación de orgasmo.
miniatura|200px|esquerda|Morfoloxía externa dos xenitais masculinos. miniatura|200px|esquerda|Morfoloxía externa típica do pene en erección.
Morfoloxía Na cultura popular é habitual considerar que o tamaño do pene está relacionado coa masculinidade. Aínda así, non ten moita relación coa capacidade reprodutiva e sexual dun individuo, agás casos extremos.
Un estudo presentado no Congreso Nacional de Androloxía celebrado en Alacant no 2001 realizou medicións en 572 homes entre os 22 e os 75 anos de idade, cunha idade media de 53. A lonxitude media en flaccidez foi de 8,75 cm; en extensión máxima de 12,43; e en rixidez de 13,58. Entre os homes estudados a lonxitude mínima en erección foi de 8,2 cm e a máxima de 19,6. A circunferencia media do pene en erección foi de 11,25 cm, cunha mínima medida de 7 cm e unha máxima de 17 cm. O tamaño do pene tamén varía ao longo da vida: aumenta de tamaño dende a puberdade ata os 20 anos, e diminúe ao longo da terceira idade.
No desenvolvemento embrionario, o órgano que no embrión de sexo masculino se converterá no pene é o equivalente ó que no embrión de sexo feminino se converterá no clítoris. Naqueles casos nos que se presenta algunha alteración durante tal desenvolvemento, é posible que o estado do neonato se corresponda co coñecido como hermafroditismo, é dicir, que o seu pene ou o seu clítoris se atope en etapas intermedias na súa formación. Como consecuencia desta anomalía algúns individuos poden presentar, na idade adulta e independentemente do seu sexo hormonal, un pene excepcionalmente pequeno ou ben un clítoris excepcionalmente grande, alén doutras peculiaridades fisiomorfolóxicas.
O tamaño do pene varía moito entre as especies, mesmo entre aquelas moi relacionadas. Por exemplo, o pene erecto dun gorila adulto ten uns 4 cm, mentres que o do chimpancé, cuxo tamaño corporal é significativamente menor, mide aproximadamente o duplo. O chimpancé común (Pan troglodytes) ten o terceiro pene máis grande entre os grandes simios. O pene humano e máis grande có do chimpancé común, tanto en termos absolutos como proporcionalmente ao tamaño corporal.