Un monte veciñal en man común (abreviado MVMC), tamén chamado monte dos veciños ou monte comunal,Léxico da administración castelán-galego, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 1990 é unha modalidade de propiedade colectiva característica de Galicia, na que a titularidade corresponde ao conxunto dos veciños dunha comunidade, como grupo social e non como entidade administrativa. Os montes veciñais en man común son inalienables, imprescritibles, indivisibles e inembargables, e réxense en Galicia pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Os montes veciñais constitúen unha das formas de propiedade colectiva máis antigas de Europa Occidental e ocupan arredor dunha quinta parte da superficie de Galicia, unhas 650.000 hectáreas. A súa existencia foi considerada pola historiografía como unha das manifestacións máis singulares do dereito consuetudinario galego e unha das principais formas de propiedade comunal conservadas en Europa.

Historia A orixe dos montes veciñais remóntase á Idade Media e, segundo diversos autores, mesmo podería afundirse en formas de aproveitamento comunal anteriores. Durante séculos, as comunidades rurais empregaron estes montes para o pastoreo, a obtención de leña, madeira, toxo, estrume e outros recursos fundamentais para a economía agraria tradicional.

No século XIX, os procesos desamortizadores e a política forestal do estado provocaron numerosos conflitos sobre a titularidade destes montes. Durante o franquismo, unha parte importante deles foi consorciada ou ocupada polo antigo Patrimonio Forestal do Estado, que promoveu amplas repoboacións forestais sen o consentimento das comunidades veciñais.

A recuperación da propiedade comunal iniciouse coa Lei 52/1968, do 27 de xullo, sobre montes veciñais en man común, consolidándose posteriormente coa lexislación autonómica galega.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Mancomunidade

Categoría:Dereito civil Categoría:Dereito en Galicia Categoría:Cultura tradicional Categoría:Silvicultura