Venera 1 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 12 de febreiro de 1961 mediante un foguete Molniya desde o cosmódromo de Baikonur para a exploración de Venus. Foi a primeira sonda espacial en ser enviada a explorar outro planeta.

Características Venera 1 tiña unha masa duns 644 kg e estaba formada por un cilindro cunha semiesfera nun dos extremos, todo cunha altura total de 2,035 m e un diámetro de 1,050 m. Acaroados ao corpo principal había dous paneis solares cunha superficie total de 2 m2. As comunicacións tiñan lugar mediante unha antena de alta ganancia de 2 m de diámetro acaroada ao corpo cilíndrico e que podía transmitir en lonxitudes de onda de 8 e 32 cm. A sonda tamén dispoñía dunha antena omnidireccional de 2,4 m de longo para transmisións de 1,6 m de lonxitude de onda e unha antena en forma de T para transmisións a 922,8 MHz. A semiesfera estaba presurizada a 1,2 atmosferas e contiña unha medalla da Unión Soviética e a electrónica de control. A sonda levaba tamén un motor KDU-414, alimentado por ácido nítrico e UDMH, para correccións de traxectoria. A sonda tiña que manterse a 30 °C, o que se conseguía mediante controis térmicos en forma de persianas. Para o control de actitude usábanse propulsores de nitróxeno en función da posición calculada mediante sensores solares e estelares e xiroscopios. O plan era estrelar a sonda en Venus mentres recollía datos científicos durante o camiño e antes da entrada atmosférica.

Instrumentos A sonda de transporte levaba os seguintes instrumentos a bordo:

Magnetómetro. Dous contadores Geiger. Detector de ioduro de sodio. Dúas trampas de ións. Sensores de micrometeoritos. Un espectrómetro infravermello. Sensores de calor e probas de materiais.

Desenvolvemento da misión A Venera 1 engalou o 12 de febreiro de 1961 a bordo dun foguete Molniya xunto cunha plataforma de lanzamento orbital coa que quedou nunha órbita terrestre de 229 x 282 km e unha inclinación orbital de 65,7°. A etapa propulsora acendeuse máis tarde, poñendo a Venera 1 en camiño cara Venus. Durante os días seguintes tiveron lugar dúas sesións de comunicación, unha a 126 000 km da Terra o 12 de febreiro e outra a 488 900 km o 13 de febreiro. Despois a sonda programouse para comunicarse cada cinco días. Unha sesión máis tivo lugar o 17 de febreiro, a 1,89 millóns de km da Terra, coa sonda funcionando normalmente e os instrumentos científicos devolvendo datos. Nas seguintes sesións xa non se conseguiu obter datos útiles e na sesión do 4 de marzo, coa sonda a 7,5 millóns de km, as comunicacións fallaron completamente e xa non se conseguiron retomar, co que o motor de corrección de traxectoria non se puido acender. Entre o 19 e o 20 de maio, a Venera 1 pasou a uns 100 000 km de Venus e entrou nunha órbita heliocéntrica.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Molniya (foguete) Programa Venera Venera 2 Venera 3 Venera 4 Venera 5 Venera 6 Venera 7 Venera 8 Venera 9 Venera 10 Venera 11 Venera 12 Venera 13 Venera 14 Venera 15 Venera 16 Venera-D KDU-414

Categoría:Programa Venera