Juan Diego Molina Martínez, máis coñecido como Stoichkov, nado en San Roque o 5 de novembro de 1993, é un futbolista español que xoga no Johor Darul Ta'zim de Malaisia. Ocupa habitualmente a posición de centrocampista ofensivo, aínda que tamén pode xogar como extremo ou dianteiro.
Xogou máis de 260 partidos na Segunda División, categoría na que marcou 81 goles vestindo as camisetas do Mallorca, o Alcorcón, o Sabadell, o Eibar, o Granada e o Deportivo da Coruña.
Traxectoria
Comezos Nado no barrio de Los Olivilllos, en San Roque, na provincia de Cádiz, recibiu o alcume de "Stoichkov" de seu pai. Este rexentaba un bar en Barcelona e un día entrou para almorzar o futbolista búlgaro Hristo Stoichkov, ao que admiraba, e decidiu entón que o seu fillo se chamaría igual. Con todo, a nai negouse a poñerlle ese nome, polo que legalmente foi chamado Juan Diego, aínda que dende o seu nacemento é máis coñecido polo alcume, ata o punto de que durante a súa infancia pensaba que "Stoichkov" era o seu apelido real.
Comezou a xogar ao fútbol no Los Olivillos, pasando máis tarde ao CD San Roque, onde axiña comezou a destacar. Sendo aínda xuvenil, en 2011 foi convocado por José María Pajares para realizar a pretempada co primeiro equipo. Con todo, decidiu poñer rumbo a Ceuta, onde fichou polo Goyu-Ryu, co que xogou na División de Honra Xuvenil.
En xaneiro de 2012 foi fichado polo Espanyol de Barcelona, tamén da División de Honra, categoría na que militou ata o final da tempada, proclamándose campión de liga e tamén da Copa do Rei Xuvenil. Para a tempada 2012/13 foi cedido polo club catalán ao Cacereño, da Segunda División B, aínda que xogou principalmente no filial. En setembro de 2013 regresou ao San Roque, co que disputou 28 partidos na Terceira División, marcando 9 goles.
Para a campaña 2014/15 fichou polo Europa FC da Premier Division de Xibraltar, club co que disputou as fases de clasificación para a UEFA Europa League. Despois de só medio ano no equipo, regresou ao San Roque, liderando o ataque do equipo ata o final da tempada, que pechou con 11 goles. Militou media tempada máis no club gaditano, anotando 16 goles, ata que en xaneiro de 2016 fichou pola Real Balompédica Linense, da Segunda B. Titular indiscutible dende a súa chegada, marcou 24 goles nos seguintes dous anos e medio.
Mallorca En xullo de 2018 asinou un contrato de catro anos co Mallorca, que viña de ascender á Segunda División. Debutou na categoría de prata na cuarta xornada da tempada 2018/19, entrando como substituto de Carlos Castro na segunda parte dunha vitoria por 1-0 contra o Cádiz en Son Moix. Marcou o seu primeiro gol en Segunda o 27 de outubro de 2018, nun empate 2-2 na casa contra o Las Palmas. Marcou outros dous goles na liga, contribuíndo ao ascenso do equipo á Primeira División.
Para a tempada 2019/20 foi cedido ao Alcorcón, tamén de Segunda. Ás ordes de Fran Fernández marcou 16 tantos, sendo o cuarto máximo goleador da categoría, só por detrás de Stuani, Luis Suárez e Yuri.
Na seguinte campaña volveu saír cedido a un equipo de Segunda, desta vez ao Sabadell. No club catalán conseguiu números semellantes ás da tempada anterior, cun total de 12 goles en 38 partidos, pero non puido evitar o descenso á Primeira Federación.
Eibar O 21 de xullo de 2021 fichou Eibar, de Segunda, co que asinou un contrato por tres anos. No seu primeiro ano no conxunto armeiro, completou a mellor tempada da súa carreira, cun total de 21 goles, rematando como o máximo anotador do campionato, empatado con Borja Bastón e Stuani. Ademais disputou sen éxito a promoción de ascenso á Primeira División. Titular indiscutible durante as seguintes dúas campañas, sumou 25 goles máis e xogou outras dúas promocións de ascenso. O 13 de marzo de 2022, no estadio de Ipurua, marcou o gol máis rápido da historia da Segunda División, batendo ao gardameta do Amorebieta Roberto Santamaría só 8,7 segundos despois de que o árbitro sinalase o inicio do partido.
Alavés En xullo de 2024 foi traspasado ao Deportivo Alavés, da Primeira División, despois de que o club pagase a súa cláusula de rescisión dun millón de euros. Debutou na categoría con 31 anos, o 16 de agosto, xogando os últimos 22 minutos nunha derrota por 2-1 ante o Celta de Vigo en Balaídos.
Granada No mercado invernal volveu á Segunda División, despois de ser traspasado ao Granada. No club andaluz non conseguiu render ao nivel esperado, marcando só un gol en 16 partidos.
Cesión ao Deportivo O 29 de agosto de 2025 anunciouse a súa cesión ao Deportivo da Coruña, nun intercambio co marroquí Mohamed Bouldini. No club galego rendeu a un nivel inferior ao esperado, especialmente no treito inicial da tempada, pero acabou anotando goles importantes de cara ao ascenso que finalmente conseguiu. Especial importancia tivo o seu tanto no Nuevo Mirandilla ante o Cádiz na xornada 39, que supuxo a vitoria por 0-1 e co que o Deportivo deu un paso decisivo cara a Primeira.
Johor En agosto de 2026 anunciouse a súa fichaxe polo Johor Darul Ta'zim, o club máis destacado da Superliga de Malaisia. Debutou o 21 de agosto na Supercopa de Malaisia contra o Kuching City no estadio Sultán Ibrahim, saltando ao terreo de xogo na segunda metade no lugar do arxentino Nahuel Leiva. O seu equipo gañou por 3-0, polo que conquistou así o primeiro título da súa carreira.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiEuropa LeagueOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira División.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesCacereño2012/13Segunda B30 - - - - - -30San Roque2013/14Terceira299 - - - - - -299Europa FC2014/15Premier52 - -20 - -72San Roque2014/15Terceira177 - - - - - -1772015/16Terceira2416 - - - - - -2416Total club70320000007032Linense2015/16Segunda B155 - - - - - -1552016/17Segunda B309 - - - - - -3092017/18Segunda B3610 - - - - - -3610Total club81240000008124Mallorca2018/19Segunda16330 - -10203Alcorcón2019/20Segunda401600 - - - -4016Mallorca2020/21Segunda30 - - - - - -30Total club193300010233Sabadell2020/21Segunda371111 - - - -3812Eibar2021/22Segunda 39 21 10 - -10 41212022/23Segunda 40 12 10 - -2 1 43132023/24Segunda391210 - -204212Total club1184530005112646Alavés2024/25Primeira16010 - - - -170Granada2024/25Segunda14100 - - - -1412025/26Segunda2000 - - - -20Total club161000000161Deportivo da Coruña2025/26Segunda34521 - - - -366Total carreira 439 139 102206 1 457142
Palmarés Johor Supercopa de Malaisia (1): 2026.
Notas
Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados en San Roque, Cádiz Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CP Cacereño Categoría:Xogadores da Real Balompédica Linense Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores da AD Alcorcón Categoría:Xogadores do CE Sabadell Categoría:Xogadores do SD Eibar Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Johor FC