Xosé Prada Martínez, nado no Carballiño en 1943, é un xurista e escritor galego.
Traxectoria De profesión procurador, foi decano dos Procuradores de Tribunais de Galicia.
Na súa mocidade foi directivo do xuvenil Club Veracruz, que editaba a revista alternativa A Verdá, que desapareceu por mor do Tribunal de Orde Pública. En 1969 foi un dos socios-fundadores do Cine Club Carballiño, entidade promotora das Xornadas de Cine e Video en Galicia, Xociviga, desde 1984, das que dirixiu algunha edición na década de 1990, e colaborou con textos nos boletíns da entidade.
Como narrador participou co texto “O meu abó” no libro colectivo Poemas e contos da Festa da Mimosa (Casino do Carballiño, 1972), prologado por Ramón Otero Pedrayo. En 1993 e 1994 coordinou o certame literario A Mostra da Palabra, e en 1994 o seu texto “Un conto triste”, foi premiado no 11º Concurso de cuentos galaico-leonés, e publicado nun volume colectivo pola Casa de Galicia, en León. Foi correspondente de La Región no Carballiño entre finais da década de 1960 e comezos da de 1970, e na década de 1990 foi colaborador habitual de La Voz de Galicia na edición en Ourense, en particular coa sección semanal “Profundando”.
En 1985 foi un dos fundadores do grupo de teatro afeccionado Tiruleque, no cal é director e actor. Comezou a escribir comedias e pequenas pezas para sustentar o repertorio do grupo con obras en galego. Desde 2007 dirixe a Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón, celebrada no Carballiño cada outono. En 2015 a obra Club PK2 (Comedia de crimes e sexo) acadou o recoñecemento á mellor obra na Segunda Edición dos Premios Ramón Puga, convocados por Radio Orense-Cadena Ser. Coa peza Morreu a tía María acadou en 2019 o I Premio Platta de Teatro Breve, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador en colaboración coa revista galega de teatro Erregueté. A peza publicouse en galego, castelán e portugués.. Tamén en 2019 publicou As comedias de Tiruleque, unha escolla de catro comedias da súa autoría. No eido do deporte, foi campión de España de pistola de aire comprimido en 1999, 2000 e 2001.
Obra “O meu abó”, no volume colectivo Poemas e contos da Festa da Mimosa (Casino do Carballiño, 1972) "Un conto triste", premiado no 11º Concurso de cuentos galaico-leonés (Casa de Galicia de León, 1994) As comedias de Tiruleque (Deputación de Ourense, 2019; teatro) Morreu a tía María (Cadernos Platta nº 2, 2019; teatro) É hora de contar (relatos, 2026).
Recoñecementos Premio Platta 2019 de Teatro Breve por Morreu a tía María Premio Arenteira 2020, na modalidade Cultura
Notas
Categoría:Nados no Carballiño Categoría:Nados en 1943 Categoría:Xuristas de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes