Sunne é un concello sueco situado no centro do condado de Värmland. A súa capital é a localidade de Sunne.
A paisaxe caracterízase por fortes contrastes entre quilómetros de mesetas montañosas cubertas de bosque de coníferas e vales abertos e cultivados. A industria forestal, con empresas como a fábrica de papel Rottneros Bruk, dominou durante moitos anos a economía local. A fabricación de papel aínda ten moito peso, pero co tempo a actividade económica foise diversificando.
Dende a fundación do concello en 1971 a poboación mantívose estable e no ano 2024 o municipio tiña 13 356 habitantes.
Historia administrativa A área do concello correspóndese á das parroquias de Gräsmark, Lysvik, Sunne, Västra Ämtervik e Östra Ämtervik. Nesas parroquias fundáronse coa reforma municipal de 1862 concellos rurais co mesmo nome.
A localidade municipal de Sunne estableceuse no concello rural de Sunne o 16 de decembro de 1904 e disolveuse a finais de 1919, cando se fundou o köping de Sunne como unha excisión do concello. O köping incorporou en 1936 as áreas de Skäggeberg e Åmberg, e en 1940 as de Leran e Sundsberg, todas elas pertencentes a concellos rurais.
Coa reforma municipal de 1952 creouse o gran concello de Stora Sunne (a partir dos anteriores concellos rurais de Sunne, Västra Ämtervik e Östra Ämtervik), mentres que os municipios rurais de Gräsmark e Lysvik, ao igual que o köping de Sunne, permaneceron sen cambios. Porén, en 1963 Stora Sunne pasou a formar parte do köping de Sunne.
O actual municipio de Sunne naceu coa reforma municipal de 1971 a partir do köping de Sunne e dos concellos rurais de Gräsmark e Lysvik.
Xeografía O concello de Sunne limita ao oeste co municipio de Arvika, ao sur co de Kil, ao sueste co de Forshaga, ao leste cos de Hagfors e Munkfors, e ao norte co de Torsby, todos eles no condado de Värmland.
Topografía e hidrografía A topografía do concello caracterízase polos fortes contrastes entre quilómetros de mesetas montañosas cubertas de bosque de coníferas e vales abertos e cultivados. O leito rochoso está formado principalmente de gneises vermellos e está case completamente cuberto por morena. No concello atópanse os lagos Frykensjöarna que están no val de fractura con dirección norte-sur Fryksdalen. O val ensánchase na bifurcación cara o val do Rottnen no oeste ata unha chaira de arxila fértil. Esta chaira continua cara o nordés arredor do río Björkälven, que se sitúa nun val paralelo. Nos vales hai elementos de bosques temperados caducifolios, prquenos bosques de bidueiros e prados ricos en herbas, que tamén existen como áreas illadas na zona forestal.
Entre os montes do municipio están o Blåbärskullen e o Tossebergsklätten (tamén coñecido como Gurlita klätt) e entre os cursos de auga están os ríos Björka, Granån e Kymsälven.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Värmland