Na Lúa é un grupo musical galego de estilo folk, con algúns elementos do pop e o jazz.
Traxectoria Naceu no 1980, co propósito de restabelecer a dignidade da música de Galicia. A crítica definiunos na súa primeira etapa coma "unha ponte harmónica entre a tradición e o futuro". Os seus compoñentes fundadores foron: Xosé Paz Antón, Ricardo Pereiro, Pancho Álvarez, Darío González e Rafa Vega. No ano 81 incorpórase Antón Rodríguez.
Tiñan como referente as raíces da música popular, recorrendo á divulgación do cancioneiro tradicional e tendo esa pegada arcaica como inspiración da nova música composta polo grupo. Ao mesmo tempo, buscábase o encontro desa música de tradición oral coa "aldea global", a sociedade dos medios de comunicación, o futuro, a contemporaneidade, e a contraposición.
Con estas claves o grupo navega durante case dúas décadas por centos de escenarios, platós de televisión e estudios de radio. Viaxaron a Bretaña e ó centro de Francia, Arxentina e Uruguai, Austria, Escocia, o norte de Italia, as Açores e o Portugal Continental. Galicia é o seu centro de operacións, pero é unha das bandas do noroeste con maior proxección a outras comunidades da península.
Ata o momento a súa obra musical gravouse en seis traballos discográficos básicos, nos que aparecen aqueles ingredientes característicos da súa obra: a tradición, a música de Portugal, o jazz no seu primeiro disco, o neotrobadorismo, o celtismo, certo coqueteo co pop, o africanismo, a poesía de Pondal ou a nova poesía que cantaba Uxía nos anos que permaneceu coa banda.
Cumpridos vinte anos, Na Lúa ten sido dende os seus comezos, un grupo adiantado ós tempos ó concibir a música tradicional e a música folk como elementos inherentes a unha música contemporánea local pero con vocación universal. Ó longo destes anos o grupo estivo presente nos máis significativos eventos musicais dentro e fóra das nosas fronteiras. Recibiron importantes premios e editaron un total de sete discos. O que fai o número sete, intitulado Feitizo, publicado recentemente, é un traballo conceptual dedicado ó mundo do esotérico, das meigas e de todo aquilo que a cultura popular utilizou como guía e fonte de sabedoría ó longo dos tempo. Na Lúa, que sempre foi a cara máis moderna do folk en Galicia, sintetizan neste Feitizo en forma de bebedizo para escoitar aspectos ancestrais da cultura popular, que van dende o máxico e lendario ó real e o musical, co seu innato xeito de entender a música: Con raíces que dende a terra crecen para apuntar á Lúa que é, talvez, orixe destes artistas que sempre contemplaron a música dende un lugar próximo e distante, permanente e actual. Este traballo é o punto de referencia para o seu espectáculo do ano 2000.
Colaboracións Amais desta obra discográfica iniciada no 1985 e constantemente reeditada, Na Lúa participa noutros nove discos de carácter antolóxico ou recompilatorio a carón de artistas coma Capercaille, Alan Stivell, Youssou N'Dour, Clannad e Altan, entre outros.
Realizaron música para cinema, colaboraron con múltiples asociacións non gobernamentais, protagonizaron programas monográficos de televisión e apareceron nas revistas de maior divulgación: Trad Magazine (Francia), Folk Roots (Inglaterra), Rhythm Music Magazine (USA) ou Lira (Suecia).
Compoñentes Xosé Ramón Paz Antón: guitarra e percusión Antón Rodríguez: frautas, saxo soprano e gaita Ricardo Pereiro: baixo eléctrico Xabier Camba Abal: batería e percusións Cándido Lorenzo: clarinete, whistle e gaita tradicional Xabier Devesa: acordeón, voz e percusións
Discografía Álbums de estudio Na Lúa (1985) A estrela de maio (1987) Ondas do mar de Vigo (1988) Contradanzas (1991) Peliqueiro (1994) Os tempos son chegados (1997) Feitizo (1999) EP As meigas chegan (1999) Recompilatorios As fases de Na Lúa (2001)
Lua Categoría:Participantes do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira Categoría:Grupos musicais en galego