Rebeca Uribe Bone, nada na cidade de Guatemala o 7 de xullo de 1917 e finada en Bilbao o 8 de maio de 2017, foi unha enxeñeira química colombiana. Foi a primeira muller en graduarse en Enxeñaría Química da Universidade Pontificia Bolivariana de Medellín.
Traxectoria
Rebeca Uribe Bone naceu na cidade de Guatemala o 7 de xullo de 1917. Os seus pais eran Guillermo Uribe Echevarría, un contable español de procedencia vasca, e María Teresa Bone Romero, guatemalteca de ascendencia inglesa.
Guillermo Uribe, o pai de Rebeca, deixou o País Vasco e mudouse á cidade de Guatemala, onde coñeceu e casou con María Teresa Bone. En 1928, tras ter seis fillos, abandonaron Guatemala e trasladáronse a Colombia. Alí instálaronse en Medellín e tiveron dous fillos máis. A parella era librepensadora e liberal, e alentaron ás súas fillas a estudar e exercer profesións. Finalmente, dúas delas convertéronse en enxeñeiras: Rebeca en enxeñeira química e Guillermina en enxeñeira civil. Por outra banda, Helena converteuse en médica, e unha cuarta irmá, María Teresa, comezou a estudar arquitectura antes dun matrimonio temperán. A quinta irmá, Carmen, sufriu de meninxite cando era nena, o que lle impediu estudar unha carreira, pero a pesar disto terminou o bacharelato. Os seus irmáns convertéronse en piloto, avogado e arquitecto.
Rebeca rematou os seus estudos secundarios no Instituto Central Feminino de Medellín. Nese momento, a universidade estaba a abrir as súas portas a mulleres debidamente cualificadas. Os profesores que tivera no instituto, moi bos matemáticos e químicos, influíron nela para que elixise a enxeñaría química como carreira universitaria. Os seus pais foron moi receptivos á idea e animárona a estudar, do mesmo xeito que aos seus irmáns. A súa irmá Guillermina dixo en 2004: “O meu papá estaba adiantado para a época, e por iso nos estimulou moitísimo. El tiña un pensamento sobre a muller máis amplo”.
Un dos profesores de Rebeca foi Joaquín Vallejo Arbeláez, enxeñeiro civil, empresario e escritor colombiano que logo desenvolveu o cargo de 12° Representante Permanente de Colombia ante as Nacións Unidas. Ademais, ela tamén realizou cursos de cultura xeral e formación docente, e moitos dos seus compañeiros comezaron a dar clases máis tarde.O 19 de outubro de 1945, Rebeca Uribe Bone licenciouse na Universidade Pontificia Bolivariana (entón Universidade Católica Bolivariana) e graduouse como enxeñeira química industrial. Pouco despois comezou a traballar no departamento de calidade da empresa cervexeira Bavaria.
Vida persoal Antes de completar o seu primeiro ano como enxeñeira química, Rebeca Uribe Bone coñeceu a un fillo dun amigo do seu pai. Era vasco e estaba de visita en Bogotá por unha tempada. Acabaron casando e instalándose en Cali, onde fundaron unha fábrica e tiveron un fillo. Trasladáronse a Bilbao (en España) na década de 1980.
Rebeca foi activa ata a vellez e adoitaba camiñar soa polas rúas da veciñanza todos os días. Aos 95 anos foi atropelada nun accidente de bicicleta. Finalmente, o 8 de maio de 2017, contando con case cen anos, faleceu en Bilbao.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Vídeo da Universidade Pontificia Bolivariana
Categoría:Nados en 1917 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Nados en Cidade de Guatemala Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Enxeñeiros químicos Categoría:Enxeñeiros de Colombia