Yair Lapid (en ), nado o 5 de novembro de 1963 en Tel Aviv, é un político, xornalista, actor, novelista e poeta israelí. Foi o primeiro ministro de Israel dende o 1 de xullo ata o 29 de decembro do 2022.

Traxectoria

Orixes e carreira xornalística Yair Lapid é fillo do político liberal centrista Tommy Lapid, ex viceprimeiro ministro de Israel e presidente de Yad Vashem, e da novelista Shulamit Lapid. A súa familia paterna procede de Serbia e a materna de Transilvania (Romanía).

Aínda que medrou en Tel Aviv, tamén pasou tempadas en Londres. Ademais, o seu servizo militar coincidiu coa guerra do Líbano de 1982. Na década de 1980, tamén, tivo un primeiro matrimonio que acabou en divorcio, tras o que se trasladou a Os Ánxeles traballando no sector da televisión.

Debutou no xornalismo como correspondente militar de Ba-Mahane, o semanario das Forzas de Defensa de Israel. Tamén traballou en Ma'ariv (fundado por un grupo de xornalistas, incluído o seu avó materno, David Guiladi). Deixou Ma'ariv en 1988 para unirse á edición de Tel Aviv de Yediot Aharonot. Desde 1991, escribiu un editorial semanal na edición de fin de semana Ma'ariv, a continuación, no Yediot Aharonot.

En 1994 converteuse en xornalista de televisión na canle Canle 1, operada pola pública Autoridade de Radiodifusión de Israel. En 1999 uniuse á Canle 2 (privada), onde presentou un programa de entrevistas chamado Yair Lapid. En 2008, pasou a presentar outro programa informativo semanal que tivo unha importante popularidade.

Lapid é autor de 11 libros, principalmente novelas, pero tamén de libros infantís. Algunha das súas obras tivo moi éxito en vendas e foron traducidas a outros idiomas. Tamén escribiu o guión dunha serie emitida en 2004 na Canle 2 da televisión de Israel.

Traxectoria política En xaneiro de 2012, Lapid anunciou que deixaba o xornalismo para iniciarse na política. O 30 de abril de 2012, Lapid creou un novo partido, Yesh Atid, situado no centro do espectro político. Presentouse ante á opinión pública como o defensor de clase media que traballa, defende a patria e paga os seus impostos fronte ao Likud de Netanyahu que representaría os intereses dos ideólogos dos asentamentos en Cisxordania, os rabinos e os activistas de extrema dereita. Fronte as posicións do partido conservador Likud, foi insistente na necesidade de consensos e diálogo político. Nas eleccións lexislativas de 2013, o partido de Lapid quedou en segunda posición e cun rol clave na futura conformación do goberno.

En 2013, avalado polos bos resultados electorais e polo seu discurso, recibiu varias distincións: como o de ser o xudeu máis influente para o The Jerusalem Post, unha das cen persoas máis influentes do ano para a revista Time ou un dos pensadores globais dese ano para a revista Foreign Policy.

A atomización política da Knesset auguraba complexos pactos para conseguir maiorías: segundo os analistas o escenario máis probable sería un pacto entre Likud, Fogar Xudeu e Yesh Atid. O presidente Shimon Peres encargou ao Likud a formación dun goberno. As negociacións con Yesh Atid resultaron difíciles e Lapid pedía, para participar no goberno, a redución de carteiras ministeriais. Lapid amosou ás súas reservas sobre que a coalición gobernamental contase con membros dos partidos relixiosos, preferindo a presenza de Fogar Xudeu o partido de Naftali Bennett. Finalmente, e aínda que agardaba a de Asuntos Exteriores, Lapid incorporouse ao goberno de Netanyahu como Ministro de Facenda o 18 de marzo de 2013.

Antes de formar parte do goberno, Lapid xa declarara a súa posición favorable á solución dos dous estados, un xudeu e outro árabe, para o conflito palestino. Dende dentro do executivo reafirmouse nesta convicción e un dos seus primeiros desacordos co goberno foi a súa crítica á autorización de novos asentamentos israelís en Cisxordania (territorio ocupado por Israel pero de maioría palestina). Esta e outras discrepancias co resto do goberno foron alegadas polo primeiro ministro Netanyahu para cesalo en decembro de 2014. miniatura|Acordo de goberno de xuño de 2021. De esquerda a dereita: Lapid, o presidente de Israel Rivlin, e Naftali Bennet. En maio de 2021, logo de catro procesos electorais que non conseguiran rematar coa situación de bloqueo entre os partidarios de Netanyahu (envolto en investigacións xudiciais por corrupción) e os contrarios, o Presidente do Estado, Rivlin, encargoulle a exploración dunha maioría parlamentaria que sostivese un novo goberno. Logo de varios fracasos de Netanyahu, Lapid foi quen de artellar un pacto que incorpora ao goberno a unha coalición heteroxénea de partidos (dende a extrema dereita xudía ata representantes da minoría árabe) e que fará que o cargo de primeiro ministro rote entre Bennett (líder do partido dereitista Yamina) en primeiro lugar, e el mesmo a partir de 2023. Antes de ocupar a xefatura do goberno, entre 2021 e 2023, Lapid será o ministro de Asuntos Exteriores do goberno de Bennett.

En xuño de 2021, a súa primeira visita oficial como ministro de Asuntos Exteriores foi a Emiratos Árabes Unidos para inaugurar a embaixada de Israel en Abu Zabi e un consulado xeral en Dubai. Así se satisfixo a normalización diplomática conquerida nos Acordos de Abraham de 2020, que fixo dos EAU o terceiro país árabe en asinar un tratado de paz co Estado de Israel. Meses despois, en agosto de 2021, Yair Lapid fixo unha visita oficial a Marrocos, que tamén asinara o tratado. Durante a mesma, inaugurou as oficinas da misión diplomática en Rabat e entregou unha carta do presidente de Israel, Isaac Herzog, convidando a Mohamed VI a visitar Israel.

Ademais, como ministro de exteriores, manifestouse contra a lei de restitución aprobada polo Sejm polaco por considerar que limitaba a posibilidade de recuperar os bens e propiedades das vítimas do Holocausto. Coñecida a proposta de lei, Yair Lapid cualificouna nunha declaración oficial como "inmoral" e, en referencia ao revisionismo da lexislación impulsada polo partido Lei e Xustiza, afirmou que "ningunha lei cambiará a historia". Pouco despois, Yair Lapid convocou o embaixador polaco en Tel Aviv para trasladar a "fonda decepción" pola lei, acto que foi respondido polo goberno polaco que presentou tamén unha queixa polas declaracións de Lapid ante a legación israelí en Varsovia.

No contexto da invasión rusa de Ucranía, o goberno de Israel mostrou moito tino inicialmente nas súas posicións: nas primeiras declaracións apoiouse a integridade territorial de Ucraína sen citar á Federación Rusa. Detrás desta postura estaba a colaboración entre Rusia e Israel en Siria contra as posicións favorables a Irán. Logo, Yair Lapid declarou que o ataque era unha "seria violación da orde internacional" e prometeu axuda humanitaria a Ucraína ao tempo que aseguraba que Israel mantiña "profundas, antigas e boas relacións" con ambos os dous estados en conflito. A posición do executivo israelí foi criticada nas mobilizacións cidadás de repulsa á ofensiva. Ante a votación dunha resolución de condena das operacións rusas na Asemblea Xeral da ONU, Yair Lapid asegurou o voto favorable de Israel asegurando que iso era estar "no lado correcto da Historia". Posteriormente, o 7 de marzo de 2022, mantivo unha reunión co Secretario de Estado dos Estados Unidos, Anthony Blinken, en Riga na que trataron asuntos sobre a invasión rusa e a posible mediación de Israel, así como cuestións relativas ás negociacións sobre o programa nuclear iraniano. A principios de abril de 2022, nunha declaración, Yair Lapid afirmou que "as forzas armadas rusas cometeran crimes de guerra".

Primeiro ministro

O 20 de xuño de 2022, logo de perder o apoio de varios deputados, Yair Lapid e o primeiro ministro, Naftali Bennett, acordaron propoñer a convocatoria de eleccións, as quintas en tres anos. De acordo co pacto, Yair Lapin asumirá a xefatura do goberno entre a disolución do parlamento e ata a formación dun novo goberno tras as eleccións. Deste xeito, conseguida a convocatoria electoral e logo da dimisión de Naftali Bennett, Yair Lapid foi nomeado primeiro ministro o 1 de xullo de 2022, mantendo, asemade, a carteira de Asuntos Exteriores.

Durante o seu primeiro discurso televisado como primeiro ministro louvou ao seu predecesor e as Forzas de Defensa de Israel, fixo un chamamento á unidade política e denunciou o discurso extremista e violento na política israelí.

En xullo de 2022, Joe Biden e el mantiveron unha reunión na que reafirmaron a súa oposición ao programa nuclear iraniano. Pouco despois, logo de que a xustiza rusa decretase o peche da Axencia Xudía sen anunciar os motivos oficiais, Yair Lapid declarou que iso afectará negativamente ás relacións entre ambos países.

Nas eleccións, celebradas o día 1 de novembro, o seu partido, Yesh Atid, gañou sete deputados ata sumar 24. Mais quedou en segunda posición fronte o Likud de Benjamin Netanyahu que chegou ata os 32 escanos. Ademais, a coalición de partidos dereitistas e relixiosos próximos a Netanyahu fíxose cunha clara maioría absoluta de 65 representantes na Knesset. Ante estes resultados, Yair Lapid recoñeceu a derrota. Finalmente, o 29 de decembro de 2022 foi relevado cedéndolle o cargo a Benjamin Netanyahu.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Sitio oficial (en hebreo) Ficha na Knesset (en inglés) Ficha en IMDb (en inglés)

Categoría:Políticos de Israel Categoría:Nados en Tel Aviv Categoría:Nados en 1963