Maria Clara Eimmart, tamén coñecida como María Eimmart, nada o 27 de maio de 1676 en Núremberg e finada o 29 de outubro de 1707 na mesma localidade, foi unha astrónoma e debuxante alemá, filla e axudante de Georg Christoph Eimmart.
Traxectoria Maria Clara Eimmart, naceu en 1676 en Núremberg, onde seu pai era pintor, gravador, e astrónomo afeccionado. O pai, que gastaba todos os seus ingresos na compra de instrumentos astronómicos e construíu un observatorio privado en Núremberg, na muralla de cidade, era un observador dilixente e publicou os seus resultados en varias memorias e transaccións de sociedades científicas. O avó de María, Georg Christoph Eimmart o Vello, era tamén gravador e pintor de retratos, bodegóns, paisaxes, e temas históricos. Do seu pai, Maria Clara Eimmart aprendeu francés, latín, matemáticas e debuxo, así como a astronomía. Grazas á súa extensa educación nas belas artes e en ciencia, especializouse en ilustracións botánicas e astronómicas, nas que destacou pola súa habilidade para crear esbozos precisos. Era tamén unha gravadora moi capaz e traballou como asistente do seu pai. Creou numerosas ilustracións do sol e da lúa, ademais de flores, paxaros, estatuas antigas, e retratos de mulleres, aínda que a maioría das súas obras perdéronse.
En 1706, María Eimmart casou con Johann Heinrich Muller, alumno e sucesor do seu pai. Eimmart asistiu ao seu marido nas clases de Física que impartía no ximnasio de Núremberg. O seu matrimonio consolidou a posición de Einmart no observatorio. A paixón familiar pola astronomía influíu a Muller, que se converteu á súa vez nun afeccionado dedicado e chegou a profesor en Altorf, onde puxo en uso os seus dotes para o debuxo co fin de describir cometas, manchas solares, e montañas lunares, sempre coa axuda da súa muller. A parella tivo contactos cos irmáns Rost, novelistas e astrónomos e con Wurtzelbauer e Doppelmayer, un historiador de astronomía. Maria Clara Eimmart morreu de parto en 1707.
Ilustracións astronómicas Eimmart é coñecida especialmente polas súas ilustracións astronómicas exactas. Entre 1693 e 1698, Eimmart realizou máis de 350 debuxos das fases da lúa. Esta colección de debuxos, realizados en papel azul a partir de observacións por un telescopio, denominouse Micrographia stellarum fases lunae ultra 300. Doou doce deles ao conde Marsili, un colaborador científico do seu pai, e dez consérvanse en Boloña, xunto con tres estudos máis pequenos en papel marrón. As ilustracións de Eimmart serviron de base para un novo mapa lunar.
En 1706, Eimmart tamén ilustrou a eclipse total que tivo lugar ese ano. Schiebinger menciona que segundo algunhas fontes, Eimmart publicou en 1701 Ichnographia nova contemplationum de sole baixo o nome do seu pai, pero non hai indicios firmes de que fose realmente o seu traballo.
Galería
Notas
Categoría:Nados en Núremberg Categoría:Astrónomos de Alemaña Categoría:Pintores de Alemaña Categoría:Gravado