O efecto do COVID-19 no embarazo non se coñece por completo debido á ausencia de datos fiables. Os resultados dun estudo limitado en China mostran que as características clínicas da pneumonía COVID-19 en mulleres embarazadas son similares ás de mulleres non embarazadas. A data de abril de 2020, non hai ningunha evidencia de transmisión vertical de COVID-19 de nai a bebé no último trimestre de embarazo. As predicións baseadas en infeccións similares como o SARS e MERS suxiren que as mulleres embarazadas teñen maior risco de infección severa.

Estudos sobre COVID-19 no embarazo Un estudo de nove mulleres infectadas no terceiro trimestre de embarazo en Wuhan (China) mostrou a presenza de febre (en seis de nove pacientes), dor de músculos (en tres), dor de garganta (en dúas) e sensación de malestar (en dous). Houbo sufrimento fetal en dous. Ningunha das mulleres desenvolveu a pneumonía COVID-19 severa ou faleceu. Todas tiveron nacemento vivos e non se observou ningunha asfixia neonatal severa. As mostras de leite materno, líquido amniótico, sangue de cordón umbilical e garganta neonatal foron testadas para SARS-CoV-2, e todos os resultados foron negativos. Aínda así, este estudo é demasiado pequeno para alcanzar conclusións sólidas sobre a natureza da COVID-19 no embarazo. Informes de medios de comunicación indican que máis de 100 mulleres con COVID-19 poderían dar a luz, e a data de marzo de 2020 non se informou de ningunha morte materna. Informouse de dous neonatos infectados con COVID-19, pero a transmisión probablemente tivo lugar no período de posparto.

A investigadora española Emma Motrico da Universidade Loyola Andalucía lidera o proxecto " 'Perinatal mental health and Covid-19 epidemic', unha iniciativa coa que se pretende obter unha listaxe de boas prácticas de atención á maternidade co fin de mitigar as consecuencias negativas da COVID-19 na saúde das mulleres.

Recomendacións O Centro para Control de Enfermidades dos Estados Unidos aconsella ás mulleres embarazadas facer as mesmas cousas que o público xeral para evitar a infección, como cubrirse ao tusir, evitar interaccionar con persoas enfermas, e limparse as mans con xabón e auga ou xel desinfectante.

A OMS recomenda ademais manter a distancia social con respecto a outras persoas, non tocarse os ollos, nariz e boca, practicar a hixiene respiratoria (cubrirse a boca e nariz co cóbado ou un pano ao tusir ou esbirrar - e tirar o pano inmediatamente -) e, de ter febre, tose ou dificultades para respirar, buscar atención médica de acordo ás indicacións sanitarias locais. A OMS indica tamén que as mulleres embarazadas que presenten síntomas deben ser priorizadas para o test de COVID-19, e que as mulleres embarazadas e aquelas que deron a luz recentemente deben manter as súas citas de seguimento rutineiras.

A OMS lembra que todas as mulleres embarazadas, incluíndo as que teñan ou se sospeite que teñan COVID-19, teñen o dereito a un seguimento de calidade antes, durante e despois do parto. Isto inclúe a saúde antenatal, do recentemente nado, posnatal, e a saúde mental. Unha experiencia de parto positiva inclúe:

Ser tratada con respecto e dignidade; A presenza dun/a acompañante da súa elección durante o parto; Comunicación clara por parte de profesionais sanitarios; Estratexias apropiadas de eliminación da dor: Mobilidade durante o parto cando sexa posible, e elección da posición de parto.

Se se sospeita ou confirma a presenza de COVID-19, os profesionais sanitarios deben tomar medidas para reducir o risco de infección para si mesmos e para os demais, incluíndo o uso de roupa protectora. Non se recomenda a cesárea a non ser que resulte medicamente necesaria. A lactación materna é posible si a nai así o desexa, e si está infectada de COVID-19 ha de realizar a hixiene respiratoria, con máscara se é posible, lavarse as mans antes e despois de tocar ao bebé, e limpar e desinfectar frecuentemente as superficies tocadas. Múltiples grupos e asociacións lembraron que a pesar da pandemia global da COVID-19 de 2019/20, as mulleres embarazadas manteñen intacto o seu dereito a decidir e a non ser expostas a protocolos de parto que atenten contra a súa integridade física.

Véxase tamén

Outros artigos Pandemia de COVID-19 Impacto da pandemia de COVID-19 por sexo e xénero

Notas

Categoría:Embarazo Categoría:Pandemia da COVID-19