Faustino Suárez Moledo, nado en Olveira, Dumbría, o 11 de outubro de 1968, é un copiloto galego de rallys. Gañou cinco veces xunto a Manuel Senra o Campionato de Galicia de Rally, sendo o segundo copiloto máis laureado, só por detrás de Estrella Castrillón.
Traxectoria
Inicios (1991-1994) Soldador de profesoón, iniciouse como copiloto correndo con Jesús Manuel Campos, de Senra Sport, en 1991 por recomendación do xefe da escudaría e veciño seu, Manuel Senra. Correu con Campos ata 1994 e en 1995 pasou a ser o copiloto de Senra, despois de que o copiloto deste, Pepe Maceiras, deixase os rallys. Anteriormente xa disputara con Senra un rally de terra, o Rally de Terra de Ourense de 1992.
Primeiros anos con Senra (1995-2000) En 1995 logrou a súa primeira vitoria, o Rally de Porriño, a bordo dun Peugeot 306 Maxi, e ao ano seguinte gañou o Rally Villa de Luarca asturiano. En 1997 conseguiu a súa primeira vitoria no Campionato de Galicia de Rally, o Rally do Albariño. En 1998 venceron no Rally de Ferrol e en 1999 proclamáronse subcampións galegos por detrás de Germán e Estrella Castrillón, despois de gañar o Rally Botafumeiro e o Albariño e quedaren segundos por detrás dos Castrillón no Cocido, en Narón e en Ferrol. Chegaron á última proba, o Rally de Noia con só 15 puntos menos que Castrillón e lideraron a carreira ata o último treito onde o coche sufriu un fallo eléctrico, tendo que abandonar e perdendo o campionato a falta de só catro quilómetros. A tempada 2000 foi un novo duelo entre eles e os Castrillón, repartíndose as vitorias das sete probas, sendo catro delas para o equipo Senra-Suárez. Con todo, o seu abandono por avaría en Narón e descualificación por exceso de penalizacións no Albariño impediulles gañar o seu primeiro título.
Pentacampión de Galicia (2001-2005) Comezaron 2001 cunha vitoria no Rali do Cocido, e cun terceiro posto no Rally de Noia. Na proba noiesa Germán Castrillón, que chegara en primeiro lugar, foi descualificado pola falta dun libro de ruta da súa copiloto, Estrella Castrillón. Como protesta os Castrillón abandonaron o campionato (anos despois a xustiza proclamounos vencedores daquel rally). Sen Castrillón achandouse o camiño de Senra e Suárez ao título. Gañaron a continuación no Botafumeiro e quedaron cuartos no Rally da Coruña, este último do Campionato de España de Rallys. Tras a proba coruñesa e despois de que Senra lle vendese o seu Peugeot 306 a Toño Villar, comezaron a utilizar outro Peugeot 306 Maxi Kit Car, comprado en Francia e que fora utilizado por François Delecour e por Gilles Panizzi no Campionato de Francia de Rally e no Campionato do Mundo de Rally. Con este coche lograrían os seus maiores éxitos durante as seguintes dúas décadas. Gañaron as seguintes probas do rexional en Narón, no Rally do Lacón e no Albariño, e proclamáronse por primeira vez vencedores do Campionato de Galicia de Rally. Revalidaron o título ao ano seguinte, tras gañar no Cocido, en Narón, no Albariño, e lograren a súa terceira vitoria no Rally de Ferrol. En 2003 venceron no Cocido, Noia, Albariño e San Martiño, abandonaron por avaría en Narón e Ferrol, e non participaron no Rally San Froilán por diferenzas coa organización, chegando ao Rally Botafumeiro, última proba do campionato, con Bamarti e o copiloto Manuel Campos como únicos rivais para o título. A Senra e Suárez bastáballes con quedar entre os cinco primeiros para proclamarse tricampións galegos e conseguírono de forma cómoda subindo ao podio en terceira posición, por detrás de Bamarti e Campos (primeiros) e Pedro e Marcos Burgo (segundos).
A tempada 2004 comezou para Senra e Suárez cun terceiro posto no Rally do Cocido, un abandono en Noia e a súa ausencia no 1º Rally Salón Automóbil de Vigo, sendo a vitoria nas tres probas para o piloto Toño Villar, tamén do equipo Senra Sport. Con todo, lograron a vitoria nas seguintes catro probas do calendario, Albariño, Narón, Baixa Limia e Botafumeiro, proclamándose por cuarta vez campións de Galicia, con 53 puntos de vantaxe sobre o segundo, Bamarti. Comezaron a tempada 2005 con dúas vitorias nos tres primeiros rallys (Cocido e Sur do Condado). No terceiro rally, o Albariño, a vitoria foille concedida inicialmente a Bamarti, pero horas despois e tras revisar os tempos Senra e Suárez foron proclamados campións. En xuño Bamarti comproulle a Toño Villar o 306 que pertencera a Senra anos atrás, co obxectivo de derrocar ao dumbriés. Estreouse con el na cuarta proba, o Rally Cidade de Narón, que comezaron liderando Senra e Suárez, cando o rally foi suspendido tras a morte do copiloto Alberto González Lamigueiro. Renunciaron a participar no Rally de Ourense e no Rally San Froilán e proclamáronse campións de Galicia por quinta vez tras gañar o Rally Botafumeiro.
Derrota fronte a Bamarti e Campos (2006-2008) A tempada 2006 comezou cun desastroso Rally do Cocido, no que Senra e Suárez tiveron que empezar empurrando o seu coche na saída, antes de picar unha roda, recibir unha sanción de medio minuto e sufrir unha saída de pista, co que só puideron ser sextos. A vitoria foi para Bamarti e Manuel Campos. Na segunda proba do campionato, o Rally de Noia, unha avaría e unha sanción por chegar tarde ao terceiro tramo fixeron que só puideran ser quintos, sendo a vitoria para Pedro Burgo e seu irmán, con Bamarti e Campos segundos. No Albariño, terceira cita do galego, tiveron que abandonar cando ían terceiros tras saírse na segunda pasada por Moraña, indo parar a vitoria ás mans de Bamarti. Volveron ao podio nos dous seguintes rallys, en Narón, onde conseguiron a vitoria na proba por diante de Burgo e Bamarti, e no Sur do Condado, onde quedaron segundos tras Bamarti, que se proclamou campión na seguinte proba (Rally Ourense-Baixa Limia), á que Senra e Suárez non se presentaron. En 2008 só apareceron esporadicamente nalgún rally como o de Noia, onde quedaron sextos, ou o Rally Comarca da Ulloa, no que quedaron segundos.
Período de menos actividade (2009-actualidade) En 2009 competiron no Rally de Noia, onde non puideron rematar ao romper o motor do seu Peugeot 306, cando rodaban en segunda posición. Participaron tamén no Rally Botafumeiro de 2009 subindo ao podio en segunda posición por detrás de Pedro Burgo e Marcos Burgo. Nos seguintes catro anos as súas participacións en competición foron escasas. Gañou o Rally de Noia de 2010 e participou tamén en varias competicións de Portugal como o CAM Rali Festival en Braga, ao que subiu ao podio en 2012 (3º). En 2014 disputou varios rallys en Portugal, quedando segundo no Rali São João de Braga e cuarto no CAM Rali Festival. Competiu tamén con Senra en varias probas da primeira edición do Campionato de Galicia de Rallymix, que combina asfalto con terra, cun mellor resultado dun cuarto posto no Rallymix A Gudiña (1º da clase 3), onde participaron co Peugeot 309 GTI de Senra.
Comezou o 2015 cun cuarto posto no CAM Rali Festival portugués e co segundo lugar final no Rally de Noia. En setembro participou no tráxico Rally da Coruña de 2015, onde ocupaba xunto a Senra a terceira posición cando a proba foi cancelada despois de que o accidente dun piloto causara a morte de sete espectadores. Logo participaron co Peugeot 306 no I Rallye Rías Altas Histórico, do Campionato de España de Rallys para Vehículos Históricos, logrando a vitoria absoluta, con case dous minutos de vantaxe sobre o segundo. En novembro quedou segundo no Rallymix Concello de Barbadás (1º entre os carrozados) e en decembro sétimo nunha nova edición do CAM Rali Festival. En xuño de 2016 participou no berciano Rallysprint Villa de Fabero, quedando en terceiro lugar.
En xaneiro de 2017 quedou cuarto no CAM Rali Festival e en febreiro obtivo o oitavo posto no Rally da Coruña. Participaou en setembro en Asturias no Gr. A Legend Rally, onde quedou en quinta posición e pechou o ano coa vitoria no segundo CAM Rali Festival do ano, en Braga. En febreiro de 2018 participou con Senra no Rally da Coruña, mais abandonaron no tramo de Cerceda. En abril competiron no Rally de Noia, rematando en 16ª posición. No ano 2019 correron de novo o Rally da Coruña, logrando a oitava posición final. En abril quedaron cuartos no Rally de Noia, ás portas dun podio culminado por Víctor Senra.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Resultados de Faustino Suárez en ewrc-results.com .
Categoría:Copilotos de rally de Galicia Categoría:Nados en Dumbría Categoría:Nados en 1968