Esquerra Republicana de Catalunya (en galego: Esquerda Republicana de Cataluña), ou ERC, é un partido político catalán fundado en 1931, de ideoloxía progresista, republicana e independentista. Foi o partido de relevantes políticos cataláns como Francesc Macià, Lluís Companys ou Josep Tarradellas. Desenvolveu un importante papel na política catalá e española durante a Segunda República, durante a loita antifranquista e a Transición á democracia.
O partido ten 32 escanos no Parlamento de Cataluña, tres no Parlamento español e un (ocupado por Oriol Junqueras) no Parlamento Europeo, no que ERC participa integrada na coalición Europa dos Pobos. En 2014 contaba aproximadamente cuns 10.000 afiliados.
Ademais da súa implantación en Cataluña, ERC posúe representación nas Illas Baleares e no Rosellón francés, así como na Comunidade Valenciana, onde emprega a denominación Esquerra Republicana del País Valencià (ERPV).
O 17 de setembro de 2011, durante o 26º congreso nacional, foi elixido Oriol Junqueras como presidente e Marta Rovira como secretaria nacional.
Ideoloxía Nos seus ideais,Programa de ERC . ERC declárase de esquerdas, favorable á república e á independencia de Cataluña, entendida esta como nación catalá ou Países Cataláns, un conxunto que englobaría tódolos territorios de fala catalá (basicamente as actuais comunidades autónomas de Cataluña, Comunidade Valenciana e Illas Baleares, a Franxa de Aragón, Andorra e Cataluña do Norte (coñecida tamén como a rexión do Rosellón).
ERC propugna a independencia de Cataluña pola vía pacífica. Rexeita a violencia, respecta a Constitución española de 1978, e participa activamente nas institucións políticas co obxectivo de conseguir pola vía democrática o dereito á autodeterminación que permita a independencia de Cataluña.
Historia 1931-1936: II República O partido foi fundado por Jaume Aiguader na Conferència d'Esquerres Catalanes celebrada entre o 17 e o 20 de marzo de 1931 no barrio de Sants (Barcelona), sendo o resultado da unión do Partit Republicà Català de Lluís Companys, Estat Català de Francesc Macià e o grupo L'Opinió (que debe o seu nome ó do semanario homónimo) de Joan Lluhí. Con Macià á testa, gañou as eleccións municipais dese ano, proclamando aquel a República Catalá dentro da federación ibérica, tentando así recuperar as institucións de autogoberno que foron derrogadas polos Decretos de Nueva Planta, promulgados por Filipe V en 1714, os cales relegaran, ademais, a súa lingua e a súa cultura. O goberno español provisional do comité revolucionario tivo que enfrontarse á crise provocada con esta iniciativa e propuxo acelerar o proceso de autonomía que resultou no Estatuto de Autonomía de 1932.
En 1934, Lluís Companys aproveitando a tensión obreira que deriva cara á Revolución de Asturias de 1934, novamente declarou o Estat Català dentro da República Federal Española desafiando ó goberno, quen declarou o estado de guerra e ordenou a intervención do Exército. Companys foi detido e encarcerado, e o goberno autónomo suspendido.
En 1936 Esquerra formou parte da Fronte Popular que gañou as eleccións xerais de febreiro e Companys asumiu novamente o goberno da Generalitat.
1936-1939: Guerra civil O 18 de xullo de 1936 produciuse o golpe de Estado militar que desembocou na guerra civil española, durante a que Esquerra seguiu participando na administración da República e nos poderes democraticamente electos, colaborando tamén co chamado Exército Popular.
1939-1975: Clandestinidade durante o franquismo En 1939 conclúe a guerra civil co triunfo do bando sublevado, que suspende os partidos políticos e anula tódalas liberdades. En Cataluña suspéndense as institucións autonómicas e prohíbese o uso da lingua catalá. A represión é especialmente dura contra Esquerra Republicana de Catalunya e os seus militantes, pola súa ideoloxía e polas decisións tomadas polos seus líderes tanto durante a Segunda República como durante a guerra civil. «Dos 70.000 militantes (que tiña ERC antes da guerra), a metade exílianse, e unha cuarta parte son aprisionados, executados ou mortos na Guerra Civil» indica a web de ERC na súa páxina de presentación.
ERC pasa á clandestinidade. Algúns dirixentes marchan ó exilio a Francia, onde tamén se instala o goberno da Generalitat no exilio, presidido polo dirixente de ERC Lluís Companys, e outros tentan organizar a resistencia permanecendo en Cataluña, en torno ó liderado de Manuel Juliachs e Jaume Serra.
En 1940 os nazis toman Francia, e a Gestapo detén a Lluís Companys a petición do goberno español. Companys é entregado ás autoridades españolas e o 15 de outubro de 1940 é fusilado no Castelo de Montjuïc de Barcelona.
En 1943, centos de militantes de ERC exiliados en Francia pactan con representantes do xeneral Charles de Gaulle a súa incorporación á Resistencia francesa para combateren o fascismo e loitaren polo restablecemento da democracia e a República en Francia.
En 1945, rematada a segunda guerra mundial, e prevendo unha posible caída do réxime franquista ante unha hipotética entrada en España das forzas aliadas, a dirección de ERC no exilio envía a Cataluña aos líderes Pere Puig e Joan Rodríguez-Papasseit.
Tamén en 1945, unha vez liberada Francia, se reúne un congreso de militantes de ERC en Tolosa baixo a presidencia de Josep Irla, e elíxese a Josep Tarradellas novo secretario xeral do partido.
En 1952 tamén regresa do exilio Heribert Barrera, fillo do conselleiro da Generalitat republicana Martí Barrera, que asume de facto a dirección de ERC.
Nos anos 1950 ERC intégrase ó Consello da Democracia Catalá e ó Consello de Forzas Democráticas. En 1954 dimite Josep Irla como presidente do partido, e Josep Tarradellas é elixido como sucesor. En 1958 falece Josep Irla en Francia. En 1959 Josep Tarradellas é elixido novo presidente da Generalitat de Cataluña no exilio.
O 11 de setembro de 1964, coincidindo coa Diada de Cataluña, ERC lidera xunto a outros grupos clandestinos a organización da primeira manifestación antifranquista que dende a fin da guerra civil ten lugar en Barcelona.
ERC convértese nun dos partidos que, desde a clandestinidade, mostra maior actividade na loita antifranquista en Cataluña. Durante os anos 1960 intégrase sucesivamente no Consello Catalán do Movemento Europeo, o Secretariado da Democracia Social Catalá, e á Coordinadora de Forzas Políticas.
1975-1980: Transición á democracia A morte de Francisco Franco o 20 de novembro de 1975 e o acceso á xefatura do estado en España do rei Xoán Carlos I deu paso á Transición española cara á democracia, na que se recuperarían as liberdades, se irían legalizando os partidos políticos e recuperando as institucións democráticas.
ERC foi o último partido catalán en ser legalizado, pese a ser o partido de Josep Tarradellas, unha das figuras da Transición en Cataluña. En xullo de 1976 celébrase o oitavo Congreso Nacional de ERC, no que Heribert Barrera é elixido Secretario Xeral.
O 15 de xuño de 1977 celébranse en España as primeiras Eleccións Constituíntes tras 39 anos de ditadura. ERC aínda non está legalizada por ser partido republicano, e non pode presentarse ás eleccións. Os dirixentes coalíganse con outro partido, e preséntanse coas siglas de "Esquerra de Catalunya-Front Electoral Democràtic", cuxa lista lidera o secretario xeral de ERC Heribert Barrera. O partido é o sexto en número de votos en Cataluña, ó obter 143.945, que representan o 4,72 por cento dos votos, e obtén un escano, que ocupará Heribert Barrera nas Cortes Constituíntes.
O 29 de setembro de 1977, o presidente do goberno Adolfo Suárez, mediante un decreto lei, restablece a Generalitat de Cataluña, que se converte na primeira institución da reforma da legalidade franquista. O presidente da Generalitat no exilio, Josep Tarradellas, volveu do exilio e instalouse en Barcelona o 23 de outubro de 1977, asumindo a presidencia da Generalitat restablecida.
Os parlamentarios cataláns elixidos nas eleccións do 15 de xuño inician entón o proxecto de elaboración do Estatuto de Autonomía de Cataluña. No proceso participa o secretario xeral de ERC Heribert Barrera.
Na discusión sobre a nova Constitución española, ERC defínese como o único partido catalán que reivindica a República e o dereito de autodeterminación dos pobos. Ó non contemplarse estas opcións na Constitución Española de 1978, ERC pide o "Non" no referendo constitucional que se celebra en España o 6 de decembro de 1978.
O 1 de marzo de 1979 celébranse en España as eleccións xerais nas que ERC obtén 123.452 votos que lle dan un escano no Congreso, que volve ocupar Heribert Barrera.
En 1979 celebrouse o referendo sobor o Estatuto de Autonomía de Cataluña, no que Esquerra Republicana de Catalunya pide o "Si".
1980-2003: Cataluña autonómica e converxente 1980-1984: a época de Barrera O 20 de marzo de 1980 celébranse as Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1980, as primeiras eleccións democráticas catalás trala guerra civil. ERC obtivo 240.871 votos que lle valeron catorce escanos no Parlamento de Cataluña. Liderada polo presidente do partido Heribert Barrera, ERC saíu das eleccións como a quinta forza política de Cataluña, pero os votos dos seus catorce parlamentarios foron claves para que o candidato de Convergència i Unió, Jordi Pujol, fose elixido Presidente da Generalitat de Cataluña. Malia ó apoio de ERC á investidura de Pujol, este formou goberno en solitario, prescindindo da posibilidade de incorporar a ningún membro de ERC ó goberno.
Nas Eleccións xerais españolas de 1982, celebradas o 28 de outubro de 1982, ERC obtén 138.118 votos, que lle serven para revalidaren o escano do Congreso.
As Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1984 supuxeron un duro revés para ERC. Pese a que se mantivo como quinta forza do Parlamento de Cataluña, perdeu moitos votos (obtivo só 126.943) que foron a parar a CiU, erixida xa como o partido estandarte do nacionalismo catalán. ERC, liderada por Heribert Barrera, pasou de 14 a 5 escanos, perdendo toda forza parlamentaria, especialmente ante a maioría absoluta obtida por CiU. 1984-1989: continúa a crise con Joan Hortalà O partido entrou entón nunha grave crise, e elixiuse a Joan Hortalà como novo líder do partido.
As Eleccións xerais españolas de 1986, celebradas o 22 de xuño de 1986, supuxeron un novo revés para ERC, xa que perdeu o único escano que tiña e ficou fóra do Congreso dos Deputados, ó obter só 84.628 votos, o 2,67% dos votos emitidos en Cataluña.
A crise prolongouse e confirmou nas Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1988, nos que, con Hortalà como candidato, obtivo 111.647 votos, máis que nas Xerais de dous anos antes, pero menos que nas autonómicas de 1984. Aínda así, a aritmética electoral fixéronlle gañar un escano (6 en total), que lle permitiron seguir como quinta forza política, co apoio de pouco máis do 4 por cento do electorado catalán.
Nas Eleccións xerais españolas de 1989, aínda con Joan Hortalà á fronte, ERC practicamente repetiu os resultados de 1986, ó obteren 84.756, o 2,68% dos votos emitidos en Cataluña, que tampouco lle serviron para recuperaren o escano perdido en 1984. 1989-1996: Àngel Colom reorienta o partido Foi entón cando ERC iniciou unha rexeneración interna, dando o relevo a unha nova xeración de novos liderados por Àngel Colom i Colom, que foi elixido novo Secretario Xeral do partido no 16º Congreso Nacional de ERC, celebrado en Lleida en novembro de 1989, substituíndo a Joan Hortalà, e superando a Josep Lluís Carod Rovira, que tamén presentara candidatura. Nese congreso apróbase a independencia dos Países Cataláns como obxectivo político do partido.
Àngel Colom iniciou un proceso para aglutinar nas filas de Esquerra a moitos mozos independentistas disgregados en partidos menores e, en moitos casos, máis radicalizados. Foi entón cando, nos primeiros anos de 1990, ERC contribuíu á disolución do grupo terrorista Terra Lliure mediando e ofrecendo a integración nas súas filas ós membros que abandonasen a violencia.