miniatura|290px|dereita|Sinal indicador bilingüe: os topónimos en irlandés aparecen en letra pequena. O irlandés ou gaélico irlandés (Gaeilge) é unha lingua céltica da rama goidélica falada na illa de Irlanda. Segundo datos de 2016, na República de Irlanda había 73 803 persoas que falan o irlandés a diario fóra do sistema educativo, mentres que outras 1 761 420 declararan ser quen de falalo como segunda lingua. Tamén a fala un número indeterminado de inmigrantes noutros países (Reino Unido, Canadá, Estados Unidos e Australia). É lingua oficial da Unión Europea por selo da República de Irlanda. O irlandés está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO.
Denominación da lingua As denominacións máis habituais son gaélico irlandés ou, simplemente, irlandés. A primeira permite distinguila das variantes faladas en Escocia e Manx, mais a segunda é a preferida polos irlandeses e é a que figura na Constitución da República de Irlanda. Para algúns, incluír "gaélico" no nome fai referencia a un pasado demasiado remoto e non actual, mentres que para outros utilizar só "irlandés" é como identificar ser irlandés con ser gaélico. Na Irlanda actual o termo gaélico fai referencia aos deportes irlandeses (hurling, fútbol gaélico) e non á lingua.
No padrón oficial da lingua, Caighdeán Oifigiúil, o nome é Gaeilge, que reflicte a pronuncia do dialecto do sur (Connacht). Con anterioridade á reforma ortográfica de 1948, esta forma escribíase Gaedhilge, orixinariamente o xenitivo de Gaedhealg, que é a forma utilizada en irlandés moderno clásico. Tamén se escribiu Gaoidhealg en irlandés medio e Goídelc en irlandés antigo.
Estatuto oficial miniatura|300px|Sinal de tráfico en irlandés. O irlandés recoñécese na Constitución de Irlanda como primeira lingua oficial da República, co inglés como segunda lingua oficial, a pesar do seu reducido número de falantes na actualidade. Desde a fundación do Estado na década de 1920 (Estado Libre Irlandés), o Goberno de Irlanda requiría o coñecemento do irlandés para calquera posto como funcionario ou empregado de compañías estatais, mais este requisito eliminouse en 1974, debido en parte á actividade de organizacións como o Movemento pola Liberdade de Lingua. A pesar de que xa non se esixe para traballar na administración, o irlandés continúa a ser materia de ensino obrigado en todos os centros educativos sostidos con fondos públicos. En 2005 eliminouse o requisito de ter un certificado para entrar na Gardaí (policía), aínda que os que entran deben cursar dous anos. A maioría dos documentos oficiais do Goberno de Irlanda publícanse tanto en irlandés como en inglés. Na Universidade de Galway é obrigatorio coñecer irlandés para impartir docencia.
A lingua irlandesa é materia obrigatoria na República de Irlanda e é así dende a independencia. Aínda que moitos estudantes aprenden ben o irlandés a través do sistema escolar do país e desenvolven respecto cara a el, moitos outros atópano difícil ou mestres desmotivados ensínanllelo mal; a actitude destes estudantes cara ao gaélico irlandés están entre a apatía e a hostilidade. O goberno irlandés esforzouse en corrixir a situación facendo de novo o currículo de educación primaria para enfocalo no gaélico irlandés falado. Non obstante, en secundaria pódese dicir que o gaélico irlandés ensínase aínda "academicamente". Os estudantes deben escribir longos ensaios, debates e historias en gaélico irlandés para o exame do título de secundaria.
Recentemente discutiuse a abolición da obrigatoriedade do irlandés. En 2005 Enda Kenny, caudillo do principal partido da oposición, o Fine Gael, pediu que fose materia optativa nos dous últimos anos de secundaria, o que atraeu críticas dende moitos sectores, aínda que hai quen o secundou. Kenny, a pesar de ser un falante fluído, dixo que cría que o gaélico irlandés obrigatorio fixera máis mal que ben á lingua.
Un desenvolvemento relativamente recente é a proliferación dos "gaelscoileanna", é dicir, escolas onde o gaélico irlandés é a lingua vehicular da educación. En setembro de 2005 había 158 gaelscoileanna en educación primaria e 36 en secundaria na República de Irlanda e en Irlanda do Norte en conxunto (excluíndo os gaeltacht, cuxas escolas non son consideradas gaelscoileanna), o que significaba uns 31.000 estudantes. Isto representou un incremento dende un total de menos de 20 a principios dos 70, e hai planeadas 15 máis no presente. Coa apertura da Gaelscoil Liatroma no condado de Leitrim en 2005 hai agora polo menos unha gaelscoil en cada un dos 32 condados de Irlanda.
Por ser lingua oficial da Unión Europea, todos os documentos de maior nivel tradúcense para irlandés. Recentemente, recibiu certo recoñecemento oficial en Irlanda do Norte baixo o Acordo de Venres Santo.
Gaeltacht miniatura|dereita|Zonas irlandesas nas que se fala o gaélico irlandés (2011).
Existen certas áreas de Irlanda nas que o irlandés se fala de maneira tradicional como lingua materna; son as rexións coñecidas como Gaeltacht. Están no Condado de Galway, incluíndo Connemara e as Oileáin Árann; na costa oeste do Condado de Donegal; en Tyrconnell, a Península de Dingle no Condado de Kerry, así como en zonas máis pequenas dos condados de Mayo, Meath, Waterford e Cork.
En todas estas áreas a poboación de fala irlandesa foise reducindo desde que se trazaron os seus límites. Gaoth Dobhair, no Condado de Donegal, é a parroquia dos Gaeltacht de maior tamaño. As áreas de Gaeltacht numericamente e socialmente máis fortes son as do sur de Connemara, o extremo occidental de Dingle e o noroeste de Tyrconnel, coñecidas como Fíor-Ghaeltacht ("verdadeiro Gaeltacht"), se ben contan cunha poboación total que non chega aos 10.000. As maiores porcentaxes de falantes habituais atópanse en Rosmuck (máis do 91%) e arredor de Cnoc na Fola en Tyrconnell.
Cada ano, miles de adolescentes irlandeses acoden ás escolas de verán dos Gaeltacht. Conviven con familias locais, asisten a clases, participan en actividades deportivas e bailan nos céilis, todo isto coa obrigación de falar en irlandés.
Dialectos O irlandés ten moitos dialectos diferentes. Basicamente, existen tres áreas dialectais principais, que coinciden coas provincias de Munster, Connacht e Ulster.
Dialectos de Munster O irlandés de Munster fálase no Gaeltachtaí de Kerry, Muskerry, Cabo Clear na parte oeste do Condado de Cork e en pequenas áreas preto de Dungarvan, no Condado de Waterford. A principal subdivisión é a que separa o irlandés de Decies (falado en Waterford) e o resto.
Os trazos característicos do irlandés de Munster son: Uso de terminacións persoais en troques de pronomes con verbos. Así, "Eu debo" é en Munster caithfead, en canto que outros dialectos prefiren caithfidh mé (mé significa "eu"). "Eu era e ti eras" é Bhíos agus bhís en Munster e Bhí mé agus bhí tú noutros dialectos. Diante das nasais e ll, algunhas vogais curtas alónganse e outras ditongan. Utilízase con frecuencia unha construción copulativa con is ea.
Dialectos de Connacht O dialecto máis forte do irlandés de Connacht é o de Connemara e as Oileáin Árann. En certos aspectos, este dialecto é bastante diferente do irlandés xeral de Connacht, mais dado que a maioría dos dialectos de Connacht desapareceron durante o século pasado, o irlandés de Connemara se identifica actualmente co irlandés de Connact. Moito máis preto do irlandés tradicional de Connacht é o dialecto, moi ameazado, que se fala na rexión fronteiriza entre Galway e Mayo. O irlandés de Tourmakeady, no sur de Mayo e o País de Joyce, considéranse os dialectos vivos máis próximos do irlandés medieval. Tamén, os dialectos do norte de Mayo de Erris e Achill son, gramaticalmente e morfoloxicamente, esencialmente dialectos de Connacht, se ben mostran afinidade léxica co irlandés do Ulster, debido á inmigración masiva que seguiu á Plantación do Ulster.
O irlandés de Connemara é moi popular entre os estudantes, grazas ao manual de auto-aprendizaxe de Mícheál Ó Siadhail. Porén, certos trazos fican fóra do padrón oficial, en particular a terminación dos nomes deverbais en -achan, como lagachan en vez de lagú, "debilitamento". A pronuncia non padrón, con vogais alongadas e terminacións moi reducidas, dálle ao irlandés de Connemara o seu acento distintivo.
Os trazos distintivos deste dialecto inclúen a pronuncia de bh como w, en vez de como v, como noutras partes do país. Por exemplo Ní raibh pronúnciase "Ni raow" en Connacht e "Ni rev" no resto. Ademais, os falantes de Connacht tenden a colocar o pronome "nós" despois do verbo en vez de co verbo mesmo. Por exemplo, "Bhí muid", "nós somos", en vez de Bhíomar. Resulta unha construción moito máis fácil con calquera verbo para a forma "nós" que é a que se ensina habitualmente nas escolas.
O irlandés de Connacht está máis estendido que os demais dialectos, dado que a maioría dos falantes de irlandés proveñen de alí.
Dialectos do Ulster O dialecto máis importante do Ulster na actualidade é o de Rosses, moi utilizado na literatura por autores como Séamus Ó Grianna e Seosamh Mac Grianna. É esencialmente o mesmo de Gaoth Dobhair, de onde proveñen a cantante Enya e o seu antigo grupo Clannad.
O irlandés do Ulster soa moi diferente e comparte varios trazos específicos co gaélico escocés. Conta tamén con moitas palabras características e matices de significado. Porén, debido ao declinio dos dialectos irlandeses falados na actual Irlanda do Norte, resulta probabelmente unha esaxeración ver o irlandés do Ulster como forma intermedia entre o gaélico escocés e os dialectos do sur e oeste de Irlanda. En efecto, o gaélico escocés ten moitos trazos que non aparecen no Ulster mais si no Munster.
Unha característica notábel do irlandés do Ulster é a utilización da partícula negativa cha(n), en lugar das que se usan no Munster e Connaught, ní. Mesmo no Ulster, cha(n), tan típica do gaélico escocés, substituíu a máis común ní só nos dialectos máis orientais (que inclúen os xa extintos na Irlanda do Norte). A práctica parece ser que cha(n) se utiliza sobre todo ao responder a unha afirmación, tanto para confirmar unha afirmación negativa (Níl aon mhaith ann - Chan fhuil, leoga = "Non é bo" - "Seguro que non o é") como para refutar unha afirmativa (Tá sé go maith - Chan fhuil! = "É bo" - "Non, non o é!"), mentres que ní se prefire para contestar a unha pregunta (An bhfuil aon mhaith ann? - Níl = "É bo?" - "Non").
Outras rexións Os dialectos de Leinster, a cuarta provincia de Irlanda, extinguíronse durante o século XX, aínda que se conservan gravacións realizadas, entre outros, pola Comisión do Folclore Irlandés.
O irlandés do Condado de Meath é un caso especial. Pertence ao dialecto de Connemara, dado que a comunidade de fala irlandesa de Meath é simplemente un grupo de falantes de Connemara que migraron na década de 1930 a resultas dunha reforma agraria dirixida por Máirtín Ó Cadhain, máis tarde un dos maiores escritores modernistas en irlandés.
Nas áreas fóra do Gaeltacht tradicional, nas que o irlandés padrón se aprende na escola, este converteuse no "dialecto" dos estudantes. Tamén ten aparecido o "irlandés de Dublín" ou "Gaelscoil Irish", un irlandés moi influenciado polo inglés. Os modismos ingleses tradúcense directamente (p.ex. Tabhair suas, "abandonar", de "give up", cando existe Lig). A gramática inglesa tamén se utiliza directamente ás veces. Con frecuencia, cando un falante non coñece unha palabra, utiliza a inglesa, afixándolle ás veces "-áil", unha terminación para nomes deverbais. Porén, ao engadírselle a unha palabra inglesa, esta convértese na raíz: p.ex. vótáil ("votar"). Utilízanse moitas palabras e expresións "Béarlachas" ("castrapo"). Tamén se utilizan as interxeccións inglesas e americanas, como like, man, so etc.
Quen estuda no leste de Irlanda tende a pronunciar as palabras irlandesas á inglesa e non na maneira tradicional gaélica.
Comparacións