Ver tamén glicosilación e glicosilación química.

A glicación (ás veces chamada glicosilación non encimática) é o resultado da unión covalente dunha molécula de azucre, como a glicosa ou frutosa, a unha molécula de proteína ou lípido, sen o control dun encima. A glicación pode ocorrer dentro do corpo (glicación endóxena) ou fóra (glicación exóxena). É un proceso ao azar que altera o funcionamento das biomoléculas, e non require o gasto de ATP (a molécula que almacena enerxía).

A diferenza da glicación, a glicosilación é o enlace de azucres a moléculas de proteínas ou lípidos mediado por un encima e dependente do ATP en sitios definidos da molécula diana. É unha forma importante de modificación postraducional de proteínas e é necesaria para o funcionamento da molécula madura.

Gran parte dos traballos de investigación no laboratorio sobre as glicacións de frutosa utilizaron técnicas de ensaio imprecisas que levaron a unha drástica subestimación da importancia da frutosa na glicación.

Exóxena

Exóxeno, que significa aquí 'fóra do corpo', pode tamén denominarse dietario ou preformado. As glicacións exóxenas e os endoprodutos de glicación avanzada fórmanse cando os azucres se cociñan con proteínas ou graxas.

Estes compostos son absorbidos polo corpo durante a dixestión. As reaccións nas que se produce unha cor marrón ou torrada nos alimentos (xeralmente unha reacción de tipo Maillard) son evidencias de glicacións preformadas. A glicación pode tamén contribuír á formación de acrilamida, un potencial carcinóxeno, durante o cociñado do alimento. Ata recentemente, pensábase que as glicacións exóxenas e os endoprodutos de glicación avanzada contribuían de forma non significativa á inflamación e estados de enfermidade, pero en traballos recentes demostrouse que son importantes.

Os fabricantes de alimentos preparados engadiron endoprodutos de glicación avanzada aos alimentos, especialmente nos últimos 50 anos, como potenciadores do sabor e colorantes para mellorar a aparencia do produto. Os alimentos cun torrado significativo, caramelización ou con endoprodutos de glicación avanzada preformados engadidos directgamente poden ter altos niveis destes compostos.

Endóxena As glicacións endóxenas ocorren principalmente no torrente sanguíneo nunha pequena proporción dos azucres simples absorbidos: glicosa, frutosa e galactosa. Parece que a frutosa ten aproximadamente dez veces a actividade de glicación da glicosa, a principal molécula enerxética do corpo. A glicación é o primeiro paso na transformación destas moléculas a través dunha complexa serie de reaccións moi lentas que teñen lugar no corpo chamadas reaccións de Amadori, reaccións de base de Schiff e reaccións de Maillard; que orixinan endoprodutos de glicación avanzada. Algúns destes produtos son benignos, pero outros son máis reactivos que os azucres dos que derivan, e están implicados en moitas doenzas crónicas relacionadas coa idade, como as enfermidades cardiovasculares (danan o endotelio, o fibrinóxeno e o coláxeno), enfermidade de Alzheimer (as proteínas amiloides son produtos secundarios das reaccións que progresan ata os endoprodutos de glicación avanzada), cancro (libérase acrilamida e outros produtos secundarios), neuropatía periférica (atácase a mielina), e outras perdas sensoriais como a xordeira (debido a desmielinación). Este conxunto de doenzas é o resltado do nivel moi básico á cal as glicacións interfiren co funcionamento molecular e celular no corpo e a liberación de produtos secundarios moi oxidados, como o peróxido de hidróxeno.

As células de longa vida (como as dos nervios e diferentes tipos de células cerebrais), as proteínas de longa duración (como as cristalinas do cristalino do ollo e córnea), e o ADN pode acumular danos substanciais co tempo. Os danos por glicación teñen como resultado unha maior rixidez do coláxeno nas paredes dos vasos sanguíneos, o que orixina unha alta presión arterial, especialmente na diabete.

Os glóbulos vermellos teñen unha vida duns 120 días e son doadamente accesibles para medir a hemoglobina glicada. As medidas de HbA1c (a forma predominante de hemoglobina glicada) permiten o control do azucre a medio prazo para ser monitorizado na diabete.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Glicosilación Senescencia

Categoría:Carbohidratos Categoría:Modificacións postraducionais Categoría:Senescencia