A igrexa de Akebäck (sueco: Akebäcks kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Akebäck, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura A igrexa de Akebäck é, coa excepción da súa sancristía, unha igrexa completamente románica. A meirande parte do edificio foi contruído a finais do século XII, sendo a torre engadida a mediados do século XIII. A igrexa foi inaugurada no ano 1149. A sancristía foi construída no ano 1931. Os historiadores afirman que a ábsida foi torpemente construída, xa que as pedras da base non encaixan limpamente, os alicerces son deficientes e as paredes exteriores son irregulares.
A igrexa ten unha nave case cadrada, unha ábsida semi-circular e outra nave rectangular. O portal norte da torre é cego e probablemente pertenceu á nave, que no presente non ten portal ningún, antes da construción da torre, e na súa fachada occidental hai unha fiestra cruciforme, unha característica cisterciense. Ten un interior sinxelo. Destacan as tres olas de cerámica orixinais encerradas na bóveda da igrexa para mellorar a súa acústica. Outro detalle pouco común é unha escultura de pedra no portal da igrexa representando a un canteiro deitado. Segundo a tradición, foi feita na memoria dun dos homes que traballaron no edificio pero caeu e morreu durante a súa construción; os académicos suxeriron que pode ser sinxelamente unha pedra que foi colocada na dirección equivocada coa imaxe recostada en vez de estar de pé.
Entre o mobiliario, o altar é pouco común porque, aínda que é de mediados do século XVII, o crucifixo do medio é unha cruz medieval, do século XV que puido pertencer a un retablo gótico de carballo que foi gardado na cámara da torre. A pía bautismal é do século XIII. Hai un candelabro fabricado en Norrköping e doado en 1850 por un carpinteiro local, Johan Pettersson, no seu 44 aniversario como regalo votivo "en agradecemento á divina providencia, que me mantivo a salvo durante catorce anos no estranxeiro". A máis pequena das súas campás foi doada en 1993. O púlpito, as pinturas de acantos do teito e os bancos son do cambio dos séculos XVII e XVIII.
A igrexa foi restaurada entre 1931 e 1932, cando se construíu a sancristía. Durante as obras atopouse entre os muros norte da nave da igrexa unha gran pedra pintada. A pedra foi retirada e atópase exposta no exterior da igrexa.
Galería de imaxes
Notas
Akebäck