Ranger 3 foi a primeira sonda do Bloque II do programa Ranger da NASA pensado para enviar sondas non tripuladas á Lúa e fotografar a súa superficie antes de impactar nela. Foi lanzada mediante un Atlas-Agena B o 26 de xaneiro de 1962 desde a plataforma LC-12 do Centro Espacial de Cabo Cañaveral.

Características Ranger 3 foi enviada a impactar contra a superficie lunar e comezar a fotografala dez minutos antes do choque. A bordo levaba unha cápsula que debería ter soportado o impacto e depositado un sismómetro na superficie. A súa misión tamén incluía medir a radiación gamma no espazo interplanetario, estudar a reflectividade do radar na superficie lunar e seguir facendo probas técnicas para desenvolver mellores sondas interplanetarias.

A nave A sonda foi a primeira cun deseño do denominado Bloque II, unha mellora das dúas Ranger previas. Estaba formada por unha base hexagonal de 1,5 m de diámetro sobre a cal se atopaba unha estrutura cónica de aluminio de 3,1 m de alto coroada por unha esfera de 65 cm de diámetro formada no seu exterior por madeira de balsa e contendo no seu interior un sismómetro que debería quedar pousado na superficie lunar tras o impacto da nave. Ranger 3 levaba tamén un motor para corrección de rumbo e outro para retrofreado. A enerxía eléctrica era proporcionada por dous paneis solares que lle daban á nave unha envergadura de 5,2 m; a enerxía almacenábase nunha batería de prata-cinc de 11,5 kg de peso e 1000 vatios-hora. Acaroada á base atopábase unha antena parabólica de alta ganancia, mentres que o resto de instrumentos repartíanse entre a base e o cono. A bordo atopábase tamén unha antena omnidireccional de media ganancia. As comunicacións corrían a cargo de dous transmisores funcionando a 960 MHz, un cunha potencia de 3 W e outro de 50 mW. O control de actitude era proporcionado por un controlador de estado sólido, por sensores solares e terrestres e por varios por chorros de control. O control térmico era pasivo, mediante recubrimentos dourados, pintura branca e superficies de aluminio puído.

Instrumentos

Ranger 3 levaba a bordo varios insrumentos:

Unha cámara Vidicon de televisión. Un espectrómetro de raios gamma montado nun mastro de 1,8 m de lonxitude. Un altímetro radar. Un sismómetro a ser deixado na superficie lunar tras o impacto, alimentado por seis baterías de prata-cadmio e cun transmisor de 50 mW. Debería ter aterrizado na Lúa a entre 130 e 160 km/h tras separarse do resto da nave momentos antes do impacto.

Perfil da misión Ranger 3 foi enviada cara a Lúa cunha velocidade excesiva debido a un problema de guiado do foguete lanzador. Como resultado, a nave pasou a 36.800 km da superficie lunar o 28 de xaneiro antes de entrar nunha órbita heliocéntrica. Do voo puidéronse recuperar algúns datos útiles de enxeñería.

Notas

Categoría:Programa Ranger