O tritón marmoradoConde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega. ou tritón verde (Triturus marmoratus) é unha especie de anfibio caudado pertencente á familia dos salamándridos.

Descrición O tritón marmorado ten cor castaña escura ou negra e presenta manchas verdes de forma irregular. Os machos adultos teñen unha raia branca ou beixe no rabo e presentan unha crista dorsal durante a época de reprodución. Esta raia é relativamente pequena comparada coas dos seus parentes, os tritóns cristados, e lixeiramente maior ca o da súa especie irmá, o tritón pigmeo. As femias e os exemplares xuvenís non presentan crista dorsal, mais si unha raia vermella ou alaranxada. O ventre pode ir desde o beixe até o negro, podendo presentar un número variábel de manchas brancas ou negras.

Distribución xeográfica O tritón marmorado ten o seu hábitat no suroeste de Francia e no centro de España e Portugal. Aínda que sexan bastante comúns nestas áreas, non se encontran facilmente pois normalmente permanecen en lugares escondidos, como debaixo de troncos caídos, rochas, ou outros lugares húmidos. Durante a época de reprodución, que vai de xaneiro até maio, poden encontrarse en charcos, gabias, estanques, pozos e outros lugares con auga estancada.

En Francia, vive en simpatría co tritón cristado (Triturus cristatus). Ao sur, está en parapatría co tritón pigmeo (Triturus pygmaeus). O límite de distribución destas dúas especies acompaña aproximadamente o Sistema Central en España, co tritón marmorado ocupando as vertentes norte e o pigmeo a ocupar as planicies ao sur. En Portugal, o límite acompaña o río Texo até a zona de Abrantes.

Reprodución

A reprodución nesta especie non comporta copulación, non obstante a fertilización é interna. O modo de reprodución é compartido cos outros membros do xénero Triturus. Nos lugares de reprodución, o macho realiza unha 'danza' ritual consistente en sucesivos golpes laterais co rabo en fronte da femia, que permanece relativamente apática durante todo o proceso. Despois, o macho deposita un espermatóforo que a femia recollerá (aínda que non sempre) coas patas, e encamiñará á cloaca.

Trala fecundación, fórmanse os ovos, que serán depositados individualmente en follas de vexetación acuática. A femia dobra a folla onde depositou o ovo para escondelo dos predadores.

Algúns días despois de seren depositados, o 50% dos ovos morren debido á chamada síndrome do cromosoma-1. Esta síndrome resulta da necesidade, nos tritóns do xénero Triturus, de que os dous cromosomas 1 teñan tamaños diferentes, aínda que a razón exacta non sexa polo momento coñecida.Macgregor, H. C., and H. Horner. 1980. Heteromorphism for chromosome 1, a requirement for normal development in crested newts. Chromosoma 76:111-122.

Algúns estudos revelaron que os tritóns marmorados usan as estrelas para se orientaren camiño dos lugares de reprodución.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Arntzen, J.W., Jehle, R., Bosch, J., Miaud, C., Tejedo, M., Lizana, M., Martínez-Solano, I., Salvador, A., García-París, M. & Gil, E.R. 2004. Triturus marmoratus . In: IUCN 2007. 2007 IUCN Red List of Threatened Species. <www.iucnredlist.org>. Consultado o 13 de setembro de 2008. Ferrand de Almeida, N., Ferrand de Almeida, P., Gonçalves, H., Sequeira, F., Teixeira, J. e Ferrand de Almeida, F. 2001. Guia FAPAS Anfibios e Répteis de Portugal. FAPAS-Cámara Municipal de Porto. Porto.

Categoría:Urodelos Categoría:Anfibios de Galicia