Jesús Cora Lira, nado en Viveiro en 1890 e finado na mesma vila o 8 de abril de 1969, foi un avogado, militar, político e xornalista tradicionalista galego, dirixente da facción do carlismo coñecida como carloctavismo.
Traxectoria Fillo de Jesús de Cora Cora. Avogado. Tradicionalista e maurista. Foi presidente da Juventud Antoniana de LugoEl Progreso, 19-2-1916, p. 2.. Foi redactor-xefe (1916-1918)El Norte de Galicia, 26-11-1917, p. 2. e logo director de La Voz de la Verdad no que fixo campaña polo cooperativismo agrario, e correspondente en Lugo de El Ideal GallegoEl Progreso, 4-4-1917, p. 4.. Fundou o Sindicato Católico Obrero de Lugo. Nas eleccións a Cortes de 1918 foi candidato rexionalista polo distrito de LugoEl Progreso, 24-2-1918, p. 1., pero non foi elixido.
Entrou no Corpo Xurídico da Armada e foi secretario da Asesoría Xurídica do Ministerio de Mariña, e posteriormente fiscal da Escuadra e Auditor do Departamento de Ferrol e da Xurisdición Central.
En 1930 era xuíz municipal do distrito do Hospicio de Madrid. Ese ano fundou en Madrid o Secretariado de Galicia e foi redactor de El Cruzado Español. Pola súa lealdade a don Jaime, foi nomeado cabaleiro da Orde de la Legitimidad Proscrita. En 1931 foi nomeado xefe provincial en Madrid da Comuñón Tradicionalista. Debido á súa negativa a aceptar que a sucesión da dinastía carlista puidera recaer na rama afonsina e á súa actitude de rebeldía, en 1932 foron expulsados do partido os redactores de El Cruzado Español que se autotitularon o Núcleo da Lealdade. Jesús Cora publicou o folleto Estudios jurídicos, históricos y políticos. El futuro Caudillo de la Tradición española, no que sostiña que o sucesor de Alfonso Carlos debía ser adicto ao programa político e relixioso da Comuñón Tradicionalista, afirmando que aínda que no Regulamento de sucesión de 1713 se preferían as liñas masculinas, as femininas non quedaban totalmente excluídas, polo que os dereitos á coroa de España recaían no fillo de Blanca de Borbón y Borbón-Parma, filla de Carlos VII, último monarca reinante segundo os carlistas.
Anunciou a súa candidatura ás eleccións a Cortes de 1933El Progreso, 19-10-1933., pero despois de realizar unha viaxe a Madrid para ultimar a candidatura, fixo pública unha carta na que explicou que a Unión de Derechas y Agrarios de Lugo vetaba a súa presenza na lista da coalición, e optou por retirar a súa candidaturaEl Progreso, 12-11-1933.. En 1936 reintegrouse na Comuñón Tradicionalista, pero separouse de novo da rexencia de Javier de Borbón-Parma en 1943, sendo xefe do carloctavismo, cuxa estrutura organizativa sería denominada Comunión Carlista o Comunión Católico-Monárquica.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado conselleiro togado do Consello Supremo de Xustiza Militar (1942), foi ascendido a coronel e posteriormente a xeneral auditor do Corpo Xurídico Militar da Armada. En 1947 foille concedida a Gran Cruz da Orde do Mérito Militar.
En 1943 encabezou o grupo herdeiro do Núcleo da Lealdade (ou carlo-octavistas) que, con certo apoio dentro do réxime franquista, recoñeceu a Carlos de Habsburgo-Lorena como rei co nome de Carlos VIII. Participou no Primeiro Congreso de Estudos Tradicionalistas celebrado en 1964 en Madrid polo Centro de Estudios Históricos y Políticos General Zumalacárregui, que foi unha das bases do libro ¿Qué es el Carlismo?.
Faleceu en 1969 en Viveiro, onde residía dende o seu retiro.
Obras Estudios jurídicos, históricos y políticos. El futuro Caudillo de la Tradición española (1932) Carlos VIII. Monarca tradicionalista. Pensamiento religioso e ideario político y social del actual representante de la Dinastía Legítima española. Su visión de los grandes problemas de nuestra Patria (1953).
Artigos Benditas sean (1916) en El Progreso
Notas
Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Militares de Galicia Categoría:Xornalistas de Viveiro Categoría:Nados en Viveiro Categoría:Nados en 1890 Categoría:Finados en 1969 Categoría:Carlistas de Galicia