En xenética, un clon (grego κλώνος klōn, ‘fillo’) é un conxunto de seres xeneticamente idénticos que descenden dun mesmo individuo por mecanismos de reprodución asexual. O termo foi creado en 1903 por H. J. Webber coa explícita intención de contribuír ao desenvolvemento léxico da entón nova ciencia da xenética, e ese uso é o único válido na linguaxe científica. Respondía á necesidade de referirse a unha variedade de cultivo multiplicada exclusivamente de maneira vexetativa (mediante esgallos ou estacas), como era e é común respecto das árbores froiteiras. Os individuos xerados así son xeneticamente idénticos, o mesmo que os que se obteñen por partenoxénese ou mesmo por mecanismos sexuais de reprodución cando a homocigose é completa e a recombinación xenética imposible. Pode chamarse reprodución clonal á reprodución asexual, aínda que non é un uso moi estendido.
Nos últimos decenios foi crecendo outra acepción, popularizada pola prensa e o cine, de acordo coa cal un clon é un individuo idéntico a outro obtido por técnicas xenéticas máis ou menos imaxinarias. Os clons así definidos non existen, na medida en que o fenotipo non depende só do xenotipo, senón de mecanismos epigenéticos e de desenvolvemento nos que interveñen outros factores. Este uso actual do termo clon pode rastrexarse até o libro O shock do futuro (1970) do influente xornalista e activista estadounidense Alvin Toffler.
Na natureza a reprodución asexual ou clonal é moi frecuente, especialmente entre organismos unicelulares, como bacterias e moitos protistas, aínda que case sempre alternando con fases de reprodución sexual (ou parasexual), que aumentan a diversidade xenotípica da poboación.
Clonación Do uso de clon deriva o de clonación. A clonación é a acción de producir unha entidade biolóxica (xene, cromosoma, célula ou organismo) xeneticamente idéntica a outra a partir dunha existente. En contextos científicos o termo úsase principalmente para a reprodución idéntica de moléculas hereditarias (clonación de ADN).
A clonación de organismos é practicada sen coñecementos técnicos especiais na maioría das plantas vivaces, por medio de esgallos ou estacas. En animais prodúcense novos individuos a partir de fragmentos do corpo doutros en grupos relativamente simples, como as planarias, ou con elevadas capacidades de rexeneración espontánea, como anélidos (lombrigas de terra) ou equinodermos (estrelas de mar).
A clonación artificial de vertebrados baséase en substituír o núcleo dun óvulo sen fecundar, polo núcleo dunha célula adulta do individuo que se quere clonar. Resulta así o equivalente a un cigoto viable. A técnica (chamada de transferencia nuclear) aplicouse con éxito a ras desde 1952, pero non se logrou con mamíferos até hai unha década.
Calendario de éxitos: Ras (1952) Ovella Dolly (1996) Ratos (1997) Gando (Bovino, caprino e porcino) (2000) Un gato doméstico (2004) Investígase a clonación de embrións Vaca Rosita ISA na Arxentina (2011) lógrase producir leite maternizada humana a partir dunha vaca (INTA BALCARCE) Na película Os nenos do Brasil móstrase detalladamente o que se sabía nos anos 80 respecto diso.
Implicacións bioéticas A clonación, no sentido de multiplicación asexual, de seres humanos non debe ter a longo prazo obstáculos técnicos insalvables, o que deu lugar a un intenso debate ético e político sobre a forma de tratar a chamada clonación reprodutiva. O problema ético reside nas oportunidades de instrumentalización da vida humana á que se presta. Algúns imaxinan un problema con respecto á identidade dos individuos nados, aínda que os xemelgos idénticos (ou monocigóticos) son o resultado dun modo excepcional de multiplicación asexual, por escisión espontánea dun embrión normal. Os xemelgos idénticos son un clon (ou clon o un do outro, segundo o uso popular), sen que ninguén nunca dubide da posesión por eles de identidades persoais separadas.
A lexislación é variable entre países, e tende a distinguir a clonación de embrións con fins terapéuticos, da clonación reprodutiva, tendente a formar seres humanos completos.
Véxase tamén Bibliografía Mittwoch, U. (2002). "Clone": the history of a euphonious scientific term. Medical History 46(3), 381-402. Silver, L. M. (2001). What are clons? They’re not what you think they are. Nature, 412(6842), 21. Toffler, A. Future Shock Nova York, Random House, 1970. Webber, H. J. (1903) New horticultural and agricultural terms.Science 28, 501–503.
Categoría:Xenética