A gastroenterite rotavírica é a causa máis común da diarrea severa en neonatos e nenos pequenos, e é provocada polo virus rotavirus. Á idade de cinco anos, a gran maioría dos nenos de todo o mundo padeceron gastroenterite rotavírica como mínimo unha vez. Porén, cunha nova infección, o sistema inmunitario fortalécese e a infección é cada vez máis feble; en adultos é moi pouco común.
O virus transmítese por ruta fecal-oral. Infecta e dana as células que recobren o intestino delgado e causa gastroenterite. Malia que o rotavirus foi descuberto en 1973 e causa arredor do 50% das hospitalizacións por diarrea grave infantil, aínda non se coñece amplamente. Ademais de ser un patóxeno humano, tamén afecta outros animais: é un patóxeno para o gando.
A gastroenterite rotavírica é unha doenza doada de curar, pero en todo o mundo preto de 500 000 nenos menores de cinco anos aínda morren por mor da súa infección cada ano e case dous millóns máis resultan gravemente afectados. Nos Estados Unidos, antes do comezo do programa de vacinación contra a gastroenterite rotavírica, dábanse preto de 2,7 millóns de casos severos de gastroenterite, con 60 000 hospitalizacións e uns 37 mortos cada ano. Téñense feito diferentes campañas públicas para combater a gastroenterite rotavírica coa prestación de terapias de rehidratación oral dos nenos infectados e a vacinación para previr a doenza.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Gastroenterite Rotavirus
Categoría:Doenzas Categoría:Termos médicos