Iago Fernández, nado en Cangas de Morrazo en 1987, é un batería e compositor de jazz establecido en Suíza.

Traxectoria Fillo do músico cangués Moncho Fernández, comezou a estudar Matemáticas en Santiago de Compostela; estudou percusión clásica no conservatorio profesional de Cangas de Morrazo e jazz no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (2002-2006). Co grupo Mr. Chacho quedou finalista no Concurso Internacional do Festival de Getxo (2007).

En 2011 graduouse no Centro Superior de Música do País Vasco (Musikene), na especialidade de batería de jazz: alí, en Donostia, recibiu clases de Jorge Rossy, Perico Sambeat, Jo Krause, Albert Sanz e Guillermo Klein, entre outros.

Foi membro do cuarteto de Jesús Santandreu (2007-2010), co que gravou un disco e que lle abriu contactos no mundo do jazz de Valencia, Madrid e Lisboa. Ten tocado en moitos dos festivais e ciclos de jazz máis importantes da Península Ibérica (Barcelona, Vigo, Madrid, San Sebastián, Lisboa, Braga..), e ocasionalmente tamén noutras partes do mundo (Ecuador, Alemaña e outros países).

Como músico de acompañamento tamén colaborou con Avishai Cohen (na súa xira europea de 2013), Omer Avital, Perico Sambeat, Marcus Strickland, Lage Lund, Masa Kamaguchi, Javier Colina, Albert Sanz, Chris Kase, Jesse van Ruller, Steve Nelson, Demian Cabaud, Jeff Williams ou Andrzej Olejniczak, entre outros.

A partir de 2008 combinou a súa traxectoria como líder de grupo coa participación estable en distintas formacións, coma o trío de Xan Campos, o sexteto de Virxilio Da Silva, o quinteto de Wilfried Wilde e mais o quinteto do guitarrista lisboeta André Fernandes (tamén con Perico Sambeat).

O seu primeiro disco como líder foi Agromando (Free Code, 2011). En 2013 asumiu a coorganización do Canjazz, o Festival de jazz de Cangas, a canda Xan Campos, collendo a testemuña do tamén músico cangués Luis Carballo. Estivo á fronte da codirección do festival cangués un lustro.

Á fronte do Iago Fernández Quintet, con André Fernandes, Demian Cabaud, Xan Campos e mais Zé Pedro Coelho, nese tempo tamén produciu dous álbums, Acougo (Free Code, 2015) e Brisa (Fresh Sound, 2016). Con Brisa obtivo o Premio Martín Códax da Música na categoría de jazz e improvisación na súa edición de 2017.

Ademais, nese tempo tamén gravou cinco álbums co trío de Xan Campos entre 2007 e 2020, e acumulou máis dunha ducia de rexistros como instrumentista noutros conxuntos. Ao longo da súa carreira gravou en máis de 40 álbums.

En 2018 marchou a estudar a Basilea (Suíza), na Jazz Campus, onde vive dende aquela. Ao longo de tres anos compuso a música para o seu cuarto álbum, Luzada, publicado en 2022. En Luzada incluíu dous poemas da súa autoría, en lingua galega, e interpretadas pola vocalista polaco-xaponesa Yumi Ito, coa que tamén colabora noutros proxectos. Ademais de tocar a batería, en Luzada tamén interpreta nos teclados.

Discografía Agromando (Free Code Jazz Records, 2011), con Xan Campos, Demian Cabaud, André Fernandes, Virxilio da Silva, Zé Pedro Coelho, João Mortágua e Baptiste Techer. Acougo (Free Code, 2015) Brisa (Fresh Sound, 2016) Luzada (Fresh Sound, 2022), a canda Mark Turner (saxo tenor), Joris Roelofs (clarinete baixo), David Virelles (piano) e Ben Street (contrabaixo)

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Web do músico Iago Fernández .

Categoría:Percusionistas de jazz Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Nados en 1987 Categoría:Galegos de Suíza