Amador Martínez Fernández, coñecido como Ramón, nado en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón) o 14 de agosto de 1914 e finado en París en xaneiro de 2007, foi un sindicalista, militar e guerrilleiro galego.
Traxectoria Os seus pais rexentaban unha tenda de ultramarinos e un estanco que funcionaba tamén como a escola da aldea. Aos 15 anos traballaba na construción do ferrocarril de Monforte de Lemos e afiliouse á UGT. En 1933 sufriu persecución polos seus enfrontamentos cos fascistas. Á raíz da revolución de Asturias de 1934, afiliouse ás Xuventudes Comunistas. Debido a súa participación nos movementos de protesta mineiros ten que pasar á clandestinidade. En 1935 empezou o servizo militar no exército do aire en Cuatro Vientos (Madrid). En 1936 estaba no exército e permaneceu leal á República. Ascendido a cabo foi nomeado instrutor dos ferroviarios no convento de Príncipe de Vergara (Madrid). Pouco despois foi enviado de novo a Cuatro Vientos como instrutor da columna do tenente coronel Rubio. Ingresou no corpo de Garda de Asalto, destinado no 5º Grupo do mesmo. A causa das feridas producidas por dous tiros na cabeza, pasou un mes no hospital de Cuenca. Durante a guerra algúns dos seus familiares foron asasinados e o seu irmán Ramón foi capturado en 1939 pola participación na guerrilla. Foi deportado a Pamplona e sentenciado a 30 anos aínda que logo cumpriu unha condena de 15.
Ao rematar a guerra pasou a Francia por Puigcerdà e foi internado no campo de refuxiados de Sepfonds, Tarne et Garonne. Escapou do campo e pasou a formar parte da resistencia francesa. Durante estes anos pasou a súa vida entre cárceres, campos de concentración. Escapou do campo de Noé en xaneiro de 1944. Incorporouse ao maquis e rematada a Guerra Mundial, volveu á clandestinidade traballando para o PCE. Nos anos 50 fixo de guía nos pasos de Francia a España. Foi enviado á Galicia a principios de 1960 baixo o nome falso de "Ramón", permanecendo no país ata 1965 levando a cabo a reorganización do Partido Comunista. En París traballou na Editorial Ebro, do PCE, e formou parte do primeiro Comité Central do Partido Comunista de Galicia.
Recibiu o Premio 10 de Marzo outorgado polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia en 1998.
Finou en París en xaneiro de 2007.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Ficha no Repertorio biobibliográfico do exilio galego
Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos de Francia Categoría:Nados na Pobra do Brollón Categoría:Nados en 1914 Categoría:Finados en 2007 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes